Cepa 121

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Cepa 121 (Geogemma barossii) é un microbio unicelular do dominio das Archaea. Descubriuse nas profundidades do océano Pacífico a 320 km da costa de Puget Sound (estado de Washington, EUA) preto dunha cheminea hidrotermal. É un organismo hipertermófilo que pode reproducirse a 121 °C, de aí o seu nome. No momento do seu descubrimento era a única forma de vida coñecida que puidese tolerar tan altas temperaturas. Unha temperatura de 130 °C é bioestática para a Cepa 121, o que significa que aínda que o seu crecemento quede detido, a arquea segue sendo viable e pode volver a reproducirse unha vez que se traslada a un medio máis "frío". A capacidade de crecer a 121 °C é significativa porque moitos equipamentos médicos son sometidos a esta temperatura para a súa esterilización en autoclave. Antes do descubrimento en 2003 da Cepa 121, críase que unha exposición de quince minutos a temperaturas de autoclave mataba todos os organismos vivos. Porén, a Cepa 121 non podería ser infecciosa para os humanos, porque non crece ás temperturas corporais de preto de 37 °C. A Cepa 121 metaboliza a redución do óxido de ferro.

A temperatura de crecemento máxima da Cepa 121 é 8 °C máis alta que a da marca anterior establecida por Pyrolobus fumarii (Tmax=113 °C). Porén, parece moi improbble que a Cepa 121 marque o límite máximo de tempertura de crecemento viable dun microorganismo. Pénsase que o verdadeiro límite máximo podería estar entre 140 e 150 °C, que é o rango de temperatura no que a reparación molecular e a resíntese se fan imposibles.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kashefi, Kazem; Lovley, Derek R. (2003). "Extending the upper temperature limit for life". Science 301 (5635): 934. PMID 12920290. doi:10.1126/science.1086823. 
  2. Cowan, D. (2004). “The Upper Temperature for Life – Where Do We Draw the Line?” Trends in Microbiology (Regular Ed.), vol. 12, no. 2, Elsevier Ltd, pp. 58–60, https://doi.org/10.1016/j.tim.2003.12.002.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]