Castro de Angrois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°51′20″N 8°31′41″O / 42.8554555675, -8.52794408798

Castro de Angrois
ParroquiaSar
ConcelloSantiago de Compostela
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Cronoloxía
Data da descubertafinais do s. XX
Estado actualVisitable pero non sinalizado.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O castro de Angrois é un poboado fortificado situado en Angrois, parroquia de Sar, no concello de Santiago de Compostela. Tamén é coñecido co nome de castro de Santa Lucía[1]. O seu código de catalogación na Dirección Xeral de Patrimonio é GA15078042.[2]

Está localizado no cumio dun outeiro, cunhas pendentes moi pronunciadas polo leste, oeste e sur e moito máis suaves polo norte. Isto orixina unhas defensas naturais notables, sendo a zona norte a máis vulnerable e o posible acceso. Aínda que no pasado parte do outeiro tivo unha explotación agrícola máis intensa, en tempos recentes é terreo de monte sendo a vexetación principal de toxos. É de propiedade particular e de varios propietarios distintos.[Cómpre referencia]

Este castro ten un recinto central ao que se une un socalco setentrional. Este recinto, coñecido como a croa do castro, sitúase na parte máis alta do outeiro. Nesta zona aparecen numerosos afloramentos de rocha, polo que a potencia estratigráfica debe de ser escasa. Non ten estruturas defensivas visibles polos lados meridional, oriental e occidental, seguramente porque non o precisa. Porén, polo norte ten un terraplén bastante pronunciado que illa a croa do socalco inferior. Este socalco é bastante amplo e ten unha rampla de acceso frontal na liña defensiva do socalco exterior e na croa.[Cómpre referencia]

O castro está fortemente rebaixado na zona sur por unha antiga canteira explotada principalmente para a construción da estrada N-525, mentres que a ladeira norte foi case totalmente destruída polas obras da autoestrada AP-9. Os traballos arqueolóxicos realizados ata o momento son, en xeral, escavacións e sondaxes de pequena extensión no contexto de traballos de control de obras públicas. Por exemplo, nos traballos da autoestrada fixéronse sondaxes para comprobar a calidade do material básico e a potencia estratigráfica do solo. Atopáronse materiais como tellas romanas, cerámica lisa de cor rosáceo e escoura de fundición. Durante as escavación no ano 2008 para a construción do AVE, encontráronse restos dunhas murallas cara a zona norte.[Cómpre referencia]

Hai outro castro nas súas proximidades, o castro do Coto, situado no monte do Coto, na parroquia de Santa María de Marrozos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Catalogación de Yacimientos prerromanos del Ayuntamiento de Santiago Arqueoloxía /Investigación 3. Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Benestar. Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico Artístico. Santiago.
  2. PXOM de Santiago de Compostela de 2007, páxinas 35 e 36.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]