Castelo de Valencia de Don Juan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Valencia de Don Juan
ben de interese cultural
ConcelloValencia de Don Juan
ProvinciaLeón
Comunidade
autónoma
Castela e León
Coordenadas42°17′25″N 5°31′20″O / 42.290152, -5.522207Coordenadas: 42°17′25″N 5°31′20″O / 42.290152, -5.522207
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalgótico (século XV-XVI)
Estilo actualRestaurado
editar datos en Wikidata ]

O Castelo de Valencia de Don Juan ou de Coyanza atópase na localidade de Valencia de Don Juan, na provincia de León (Castela e León), vila chamada anteriormente Valencia de Campos e Coyanza. É un edificio histórico, referente peninsular da arquitectura gótico-militar. Obtivo a declaración de Monumento Nacional por parte do goberno provisional da Segunda República. Emprázase sobre un antigo castro das idades do Bronce, Ferro e época romana. Pertence á Fundación Instituto Valencia de Don Juan, con sede en Madrid, por doazón dos herdeiros da XXV Condesa de Valencia de Don Juan, Adelaida Crooke e Guzmán. No ano 1998 asinouse un convenio de cesión entre a Fundación Instituto Valencia de Don Juan e o Concello de Valencia de Don Juan, por medio do cal a primeira institución cedera á segunda o uso e aproveitamento do castelo durante 75 anos (1998-2073).

A cuarta fortaleza da que se ten certeza neste soar foi mandada construír a finais do século XIV polo infante Xoán de Portugal, I duque de Valencia de Campos, título concedido o 22 de decembro de 1387, fillo bastardo do rei Pedro I de Portugal e da nobre galega Inés de Castro. O infante Xoán foi un dos potenciais candidatos á coroa portuguesa durante a crise de 1383-1385 en Portugal, defendido polo partido lexitimista-nacionalista, dirixido por Martín Vázquez de Acuña durante as Cortes de Coímbra de 1385 nas que a alta nobreza defendía o seu nome como o lexítimo pretendente ao trono. Exiliado en Castela, en Valencia de Campos establecería o seu castelo. Casou dúas veces: primeiro con María Téllez de Meneses, filla de Martín Alfonso Téllez de Meneses; e logo con Constanza Enríquez, filla ilexítima do rei Henrique II de Castela, señora de Alba de Tormes. Do segundo matrimonio naceu María de Portugal, que casaría con Martín Vázquez de Acuña, e herdarían o señorío de Valencia de Campos, continuando a construción do castelo.

Entrada e barreira á Castelo de Valencia de Don Juan

O edificio actual débese a Xoán de Acuña e Portugal, terceiro conde e segundo duque de Valencia de Don Juan, e a súa muller Teresa Enríquez e está construído en cachotaría de pedra, ladrillo e tapia. Os seus brasóns, xunto aos dos Quiñónes de León, son aínda visibles nas torres da muralla. Durante a Guerra de Sucesión Castelá foi asediado en 1475, acto no que morreu Xoán de Acuña e Portugal precipitado dende unha das xanelas do castelo. Abandonado a mediados do século XVI, o seu derrubamento iniciouse no século XVII, desaparecendo os seus forxados, bóvedas e cubertas, ademais das xesarías mudéxares que decoraban o interior dos seus muros. Dende entón o castelo foi restaurado en varias ocasións dende mediados do século XX: entre 1950 e 1955 reconstruíuse parcialmente a torre da homenaxe, en 1980 consolidáronse e sanearon as murallas, entre 1987 e 1988 fixéronse escavacións arqueolóxicas e unha pasarela de acceso, e entre 2004 e 2005 reconstruíuse parcialmente a torre da homenaxe e reconstruíuse o segundo arco de entrada.

No ano 2008 inaugurouse o Museo do Castelo de Valencia de Don Juan, dentro dun edificio de ferro, madeira e cristal instalado no interior da torre da homenaxe. Esta colección museográfica céntrase na divulgación da historia de Valencia de Don Juan, do seu Castelo e da familia de Acuña e Portugal, a través de materiais arqueolóxicos achados na localidade, fundamentalmente no propio castelo como escudos, moedas ou vaixela.

Notas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Millán Abad, Miguel Ángel (1994). M.A. Millán, D.L., ed. El castillo gótico de Valencia de Don Juan y sus señores "Los Acuña". Valencia de Don Juan. ISBN 8460506185. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]