Foi deseñada polo arquitecto Gerrit Rietveld para a señora Truus Schröder-Schrader e os seus tres fillos, e construída en 1924.[1] O requisito fundamental para o seu deseño era unha casa preferiblemente sen paredes. Foi restaurada por Bertus Mudler e convertida en museo.
A casa Rietveld Schröder constitúe tanto no interior coma no exterior unha ruptura con toda a arquitectura anterior. Aínda que comparte a cerca coa última casa da veciñanza, non posúe ningunha relación arquitectónica con esta.
No interior non hai acumulación estática de cuartos, senón unha zona aberta e dinámica. A planta baixa é a máis tradicional, distribuída o redor dunha escaleira central está a cociña e tres habitacións. A sala de estar atópase no piso de arriba, declarada como un ático para satisfacer as regulacións contra incendios das autoridades de planificación, en realidade constitúe unha gran zona aberta, a excepción dun aseo e un baño separado. Rietveld quería deixar o nivel superior como estaba. A señora Schröder, polo contrario, considerou que debería ser utilizable en calquera forma, aberta ou subdividida. Isto conseguiuse cun sistema de paneis deslizantes e xiratorios. Schröder utilizou estes paneis para abrir o espazo do segundo andar para permitir máis espazo aberto para ela e os seus 3 fillos, deixando a opción aínda de pechar ou separar as habitacións cando o desexa. Cando está dividido por completo, o andar superior consta de tres cuartos, cuarto de baño e sala de estar. Entre este e o espazo aberto hai unha gran variedade de combinacións posibles.
No exterior as superficies son en branco e gris e os marcos das ventás negros, a isto súmaselle unha serie de elementos lineais coas cores primarias. Ao igual que a Cadeira vermella e azul de Rietveld, cada compoñente ten a súa propia forma, posición e cor.
O comité do Patrimonio Mundial inscribiu a casa Rietveld Schröder na lista da UNESCO de Patrimonio da Humanidade o 2 de decembro de 2000 durante a sesión XXIV en Cairns, Australia. A comisión decidiu aplicar os criterios i e ii, e engadiu sobre a casa:
O Rietveld Schröderhuis en Utrecht é un ícono do movemento moderno en arquitectura e unha excelente expresión do xenio creador humano na súa pureza de ideas e conceptos desenvolvidos polo movemento De Stijl. (...) Coa súa visión radical do deseño e do uso do espazo, o Rietveld Schröderhuis ocupa unha posición fundamental no desenvolvemento da arquitectura na era moderna.[2]