Cartucho de trucos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Cartucho de trucos Game Genie para a Sega Mega Drive.

Un cartucho de trucos é unha unidade de disco que se conecta a unha videoconsola e permite introducir e habilitar certos códigos que manipulan un videoxogo en execución dun xeito diferente ó definido na programación orixinal do mesmo. Isto permite accións non previstas na programación orixinal do videoxogo, tales coma dispor de vidas ilimitadas, desbloquear niveis, descubrir segredos ocultos e, en xeral, obter calquera outro efecto que poida supor unha vantaxe no desenvolvemento da partida (ou mesmo unha desvantaxe, segundo o caso). Unidades equivalentes foron lanzadas e vendidas para o seu funcionamento en videoconsolas modernas que empregan discos ópticos no canto de cartuchos.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

O cartucho conéctase, na meirande parte dos casos, no mesmo porto no que se conectan os cartuchos de videoxogos estándar da videoconsola. O cartucho dispón doutro porto no que se conecta o videoxogo que se desexe empregar. Deste xeito, o cartucho do videoxogo fica conectado á videoconsola a través do cartucho de trucos.

Cando se inicia o sistema, a videoconsola executa o software almacenado no cartucho de trucos, que xeralmente dispón dun menú no que compre seleccionar o videoxogo axeitado e a continuación se visualizarán varios trucos que poderán ser activados. Tamén acostuma existir a posibilidade de que o propio usuario poida introducir novos códigos manualmente, e dese xeito empregar novos trucos que non conteña o cartucho por defecto. Cando se finalizou a selección dos trucos desexados, iníciase a execución do videoxogo, mantendo modificados os valores que foron previamente asignados no cartucho de trucos, conseguendo así que o videoxogo amose o efecto desexado polo usuario.