Carlo Colombaioni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlo Colombaioni
Nacemento1933
Falecemento15 de maio de 2008
OcupaciónPallaso
editar datos en Wikidata ]

Carlo Colombaioni, nado preto de Ancona en 1933 e falecido o 15 de maio de 2008 en Saint Chef (Francia), foi un pallaso (clown no argot) italiano. Era coñecido como Figlio d'Arte, e foi proclamado "O mellor clown do Mundo" no Festiclown de 2002.

Biografía[editar | editar a fonte]

Era o quinto de oito irmáns. Naceu nunha caravana preto de Ancona. Con 15 anos deixou o circo para iniciarse no teatro, pero acabaría por volver ao circo. No mundo circense estaba considerado 'demasiado moderno' para ser un clown, pois actuaba sen os traxes tradicionais destes e con nada de maquillaxe. Pasado certo tempo volveu ao teatro, onde seguiu ata a súa morte.

Vivía coa súa esposa, Catherine, e con Milo, o seu fillo. Era pai tamén de Naomi Colomabioni, filla dun matrimonio anterior.

Traxectoria profesional[editar | editar a fonte]

Inspirado na comedia tradicional italiana e na commedia dell'arte, caracterizouse polo uso artístico da improvisación.

Colaborou con artistas como Federico Fellini (participou cos seus irmáns nas películas La strada e I Vitelloni), Jerzy Grotowski, Dario Fo, Ana Magnani, Totò, Jango Edwards ou Leo Bassi

Durante máis de 30 anos actuou co seu cuñado Alberto Vitali baixo o nome de I Colombaioni[1]. Após o falecemento de Vitali, creou un espectáculo en solitario, Carlo presenta Carlo, onde amosaba unha comparativa sobre a evolución da arte clown a través de gags e sketches sobre asuntos tan dispares como a guerra, a igrexa, Pinoccio ou os malabares.

Participou na III e VI edicións do Festival Internacional de Clown de Madrid, onde impartiu cursos. Tamén participou en varias edicións do Festiclown en colaboración co galego Iván Prado.

Logo da súa morte, o Festival Trapezi gardoulle 'un minuto de risa'. Carlo pedíralle a Jango Edwards que organizase unha gran festa cando morrese, o que aconteceu en 2008 coa organización en Vigo do Mundoclown - Memorial Carlo Colombaioni.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Deux vrais clowns sans nez rouge : Les Colombaioni de retour à Paris", Jean-Pierre Thiollet, Le Quotidien de Paris, 22/09/1981