Saltar ao contido

Capirote (penitente)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nazareno na localidade de Plasencia.
Reo da Inquisición con coroza e sambenito.
Procesión no Vesuvio, Italia.

Chámase capirote a un chapeu alto de forma cónica. Historicamente utilizouse con diversos propósitos, pero na actualidade úsase como parte dos traxes dos confrades que procesionan (nazarenos) na Semana Santa española.

Na Semana Santa española

[editar | editar a fonte]

O historiador Juan Carrero Rodríguez define o capirote confrade como:[1]

Tradución ao galego:
Soporte de cartón de feitura cónica rematado en punta, sobre o que se coloca o antiface para que poida quedar ergueito sobre a cabeza do nazareno.
Orixinal en castelán:
Soporte de cartón de hechura cónica terminado en punta, sobre el que se coloca el antifaz para que pueda quedar enhiesto sobre la cabeza del nazareno.
Juan Carrero Rodríguez en Diccionario cofradiero, 1996[1]

Aínda que a definición de Carrero Rodríguez de 1996 fala só de capirotes de cartón, a partir dos anos 2000 estes tamén poden ser de malla ou reixa, máis cómodos e que favorecen a ventilación.[2] A diferenza de aspecto entre un capirote de reixa e un de cartón non se aprecia, xa que van cubertos coa tea do antiface.

Nun primeiro momento non remataba en punta, senón inclinado ou de forma roma. A primeira irmandade que incluíu o capirote rematado en punta na indumentaria dos irmáns durante as procesións foi a desaparecida Irmandade de San Xoán de Letrán e Nosa Señora da Hiniesta, no século XVII.[1]

En Xaén denomínase capirucho e en Torredonjimeno, caperuz. En Murcia recibe o nome de capuz e non remata en punta como o capirote tradicional, senón de forma roma, coñecida coloquialmente como forma de faba.[1]

A coroza da Inquisición

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Coroza.

Para a aplicación da pena capital en España, desde a Idade Media, o axustizado era vestido cunha hopalanda de cor amarela e cun capirote, e así ataviado era conducido ao cadafalso sobre unha cabalaría. Nun sentido semellante, os condenados por delitos relixiosos pola Inquisición debían vestir sambenito e capirote para seren sometidos a humillación pública.[3]

Outros usos

[editar | editar a fonte]

Ata mediados do século XX o capirote empregouse como castigo vexatorio para os nenos nas escolas de moitos países.[4]

Nos Estados Unidos, os membros da organización racista Ku Klux Klan levan túnicas e capirotes brancos.[5] Por iso, o capirote branco é un símbolo de racismo nos Estados Unidos e tamén en moitos outros países da anglosfera.

  1. 1 2 3 4 Juan Carrero Rodríguez (1996). Diccionario cofradiero (en castelán). Sevilla: Castillejo. p. 82. ISBN 8480580577.
  2. ↑ Fernando González Viñas (17/04/2011). "A los nazarenos viejos no se les cae el capirote, eso es de jóvenes". El Día de Córdoba (en castelán).
  3. ↑ Diccionario Enciclopédico Gaspar y Roig, 1870. (en castelán)
  4. ↑ Sobhi Tawil, ed. (15-16 de maio de 1997). "Informe final estudios de caso del taller sobre destrucción y reconstrucción educativa en sociedades trastocadas" (PDF) (en castelán). Xenebra, Suíza: Oficina Internacional de Educación e Universidade de Xenebra: 35.
  5. ↑ FJ Pérez (08/04/2011). ""En EEUU tuve que explicar que el capirote no es del Ku Klux Klan"". El País (en castelán) (Málaga).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]