Capela de Santa Baia da Espenuca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela de Santa Baia da Espenuca
Coordenadas43°15′49″N 8°09′21″O / 43.2637, -8.1559666666667Coordenadas: 43°15′49″N 8°09′21″O / 43.2637, -8.1559666666667
editar datos en Wikidata ]

A capela de Santa Baia da Espenuca é unha construción relixiosa románica situada na Espenuca (Coirós). É anexa da igrexa de San Xulián de Coirós.

Descrición[editar | editar a fonte]

O templo é un dos primeiros exemplos da arquitectura románica na Península Ibérica. A igrexa constantiniana foi destruída por Leovixildo, reconstruída e consagrada por un bispo (quizais Ildulfo-Felix, bispo entre 675 e 688) e refeita e terminada o 1 de marzo de 881. En 1063 foi incorporada por doazón ao mosteiro de San Salvador de Cis, e tivo reformas posteriores.

Consérvase como exemplo do románico máis rudimentario. É dunha soa e pequena nave; na cabeceira ábrese un presbiterio rectangular, en cuxo fondo está a ara primitiva cuberta por outra moderna. Ten esta ábsida unha bóveda de medio canón con arco semicircular, e a nave, unha tosquísima armadura de madeira. Nas paredes apreciábanse restos de pinturas, ao parecer do século XV ou XVI, entre as que se adiviña unha Sacra Cea, que se perderon definitivamente na década de 1980.[1]

O exterior ten máis detalles, dada a modestia do templo. A fachada principal é un liso muro, terminado a dúas vertentes, en cuxo vértice se levanta unha cruz lobulada. O único oco é a porta: dúas columnas laterais sosteñen un arco de medio punto, sen molduras nin ornatos, sobre o que voltea outro do mesmo xénero; dous xambas lisas sosteñen un lintel; un tímpano ocupa o espazo entre este e os arcos, e nel ábrese unha seteira.

Os capiteis teñen colarín funicular, follas de pencas con pomas, todo rudo e moi elemental. As basas son de perfil ático, con patas. As fachadas laterais son moi sinxelas: senllas portas de lintel e arco de descarga, beiril con canzorros de pomas e cabezas de carneiro esculpidas; na ábsida, contrafortes lisos.

Arredor do templo consérvanse sartegos de pedra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Espenuca, A" (PDF): 465–472. Consultado o 10 de abril de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]