Cámbium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cambium»)

O cámbium é un tecido propio das plantas vasculares a partir do cal se xera o xilema e o floema.

É o responsable do crecemento secundario das plantas, e caracterízase por ter un crecemento activo durante toda a vida da planta.

Hai varios tipos de cámbium nas plantas. Os principais tipos son:

  • O procámbium é o tecido meristemático primario, derivado do meristema primario da planta nacente, que dá lugar ao xilema e floema primarios.
  • O cámbium vascular, que dá orixe ao xilema e floema durante o crecemento secundario.
  • O felóxeno ou cámbium suberoso, que orixina a periderme.

Procámbium[editar | editar a fonte]

O procámbium orixínase a partir do meristema apical xusto debaixo da protoderme e orixina un anel de células ou cordóns separados. O procámbium orixina o xilema e floema primarios da planta. Esta diferenciación en células vasculares pode facerse a medida que o cámbium se divide ou pode ter lugar cando xa cesaron a maioría das divisións. Os primeiros en diferenciarse son o protoxilema e protofloema, e despois o metaxilema e metafloema do corpo primario da planta. As células procambiais distínguense das que se diferencian delas polo seu citoplasma máis denso e menos vacuolizado e pola súa feitura estreita e alongada. Nas plantas con crecemento secundario parte das células do cámbium manteñen as súas características meristemáticas e dan orixe ao cámbium vascular, que intervirá no crecemento secundario.

Cámbium vascular[editar | editar a fonte]

O cámbium vascular está formado por células con capacidade meristemática de división situadas entre o xilema e floema, que dan lugar a novas células do xilema e floema durante o crecemento secundario da planta (xilema secundario e floema secundario). Como as divisións do cámbium son tanxenciais (periclinais) orixínanse ringleiras radiais de células do xilema e floema, e esta disposición pode persistir ou pode modificarse despois debido a axustes durante a diferenciación dos tecidos.

O cámbium vascular é un meristema lateral que orixina xeralmente un cilindro oco completo de células no interior do talo e raíz, as cales forman cara ao interior células do xilema e cara ao exterior células do floema. Nalgunhas plantas en vez dun cilindro forma cordóns separados e os feixes vasculares tamén son cordóns (por exemplo, en Cucurbita e nos pecíolos e veas foliares).[1]

En moitas plantas o cámbium ten un crecemento estacional; detén o seu crecemento en inverno e este reiníciase en primavera. Durante a reactivación primaveral as células do cámbium primeiro expándense radialmente (e debilitan as súas paredes radiais) e despois empezan a dividirse.

Orixe[editar | editar a fonte]

O cámbium vascular orixínase a partir do procambium, que permanece indiferenciado en plantas con crecemento secundario, e situado entre o xilema e floema primarios. Estas rexións dan lugar ao chamado cámbium fascicular, xa que está situado entre o xilema e floema primarios. Xeralmente as bandas de cámbium fascicular están unidas por medio de novas bandas de cámbium situado entre os fascículos, denominado cámbium interfascicular, que se orixina a partir do parénquima interfascicular. Deste modo, no talo o cámbium completamente formado ten forma de cilindro oco continuo e orixinará xilema secundario cara ao interior e floema secundario cara ao exterior, o que empuxará o xilema primario cara á medula e ao floema primario cara ao exterior, que xeralmente quedan comprimidos e deixan de ser funcionais.

Orixínase a partir do procámbium. O cámbium vascular consta de dous tipos de células:

  • Células iniciais fusiformes. Son células longas e afiadas, orientadas axialmente, que dan orixe ao xilema e floema vertical, lonxitudinal ou axial da planta, orixinando, segundo os casos, traqueidas, elementos dos vasos, células cribosas e parénquimáticas e esclerenquimáticas.
  • Células iniciais radiais. Son células case isodiamétricas e pequenas, que dan orixe ás células radiomedulares do sistema transverso ou horizontal do xilema e floema.

O cámbium vascular aparece e dicotiledóneas e ximnospermas, pero non na maioría das monocotiledóneas, que xeralmente non teñen crecemento secundario.

Durante a práctica de enxertos nas plantas, o cámbium do enxerto e da planta que o recibe deben aliñarse para que se fusionen e crezan xuntos.[2]

Cámbium suberoso ou felóxeno[editar | editar a fonte]

Nas plantas con crecemento secundario fórmase un cámbium secundario lateral no interior do córtex, a máis ou menos profundidade, chamado cámbium suberoso ou felóxeno, que forma xeralmente un anel que orixina cara ao exterior súber (un tecido suberizado) e cara ao interior feloderme (un tecido parenquimático). En conxunto, o súber, felóxeno e feloderme constitúen a periderme.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ewers, F.W. 1982. Secondary growth in needle leaves of Pinus longaeva (bristlecone pine) and other conifers: Quantitative data. American Journal of Botany 69: 1552-1559. [1]
  2. Capon, Brian (2005). Botany for Gardeners (2nd ed.). Portland, OR: Timber Publishing. p. 64. ISBN 0-88192-655-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]