Calila e Dimna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuscrito de Calila e Dimna.

Calila e Dimna é unha colección castelá de contos probablemente mandada traducir por Afonso X o Sabio no ano 1251, cando aínda era infante.

Contido[editar | editar a fonte]

Das moitas obras relacionadas con Afonso X, o Calila e Dimna é a máis literaria. A súa materia narrativa procede da literatura oriental, pois traduce fielmente o texto árabe do Kalila wa-Dimna (كليلة ودمنة), que á súa vez é a tradución que o iraniano Ibn Al-Muqaffa fixera ao árabe do texto no século VIII (de onde alcanzou difusión por toda Europa), e esta tradución pola súa parte procede do Panchatantra hindú (cara o ano 300 d. C.)[1] No ano 570 foi traducida ao pahlavi (ou persa literario) e poucos anos máis tarde ao sirio.

Relaciónase cos manuais sapienciais de educación de príncipes mediante o motivo oriental das preguntas e respostas entre o rei e un filósofo, que da paso a contos exemplares ou exempla contados e protagonizados por animais: un boi, un león e dous raposos/lobos chamados «Calila» e «Dimna», que son quen contan un maior número de contos, en moitas ocasións imbricados uns nos outros nunha «estrutura de bonecas rusas» (ou de relatos enmarcados).

Abundan os monólogos introspectivos, e úsase o diálogo cunha función dramática. A localización é moi esquemática, e a acción máis ben escasa. Unha estrutura moi similar é utilizada no libro de Don Juan Manuel El conde Lucanor (s. XIV).

Autoría e datación[editar | editar a fonte]

O Calila e Dimna chegounos a través de dous manuscritos denominados A e B. Segundo o colofón do manuscrito A, do primeiro terzo do século XV (ms. h-III-9 da Biblioteca do Escorial), o libro «fue sacado de arábigo en latín, et romançado por mandato del infante don Alfonso [...] era de mill e dozientos e noventa y nueve años» (= 1261). Porén, como a versión castelá é moi fiel á árabe, se pode descarta-la existencia dunha tradución intermedia latina. O feito de que se denomine «infante» a don «Afonso» (coroado rei no ano 1252) levóu a atrasar a data de composición ao ano 1251. Iso suporía que é a primeira obra de ficción extensa da literatura en prosa na Península.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A estrutura principal da obra é a narración marco (conversación entre o rei Dicelem e seu alguacil-filósofo Burduben), aínda que non se descartan outras como a da caixa chinesa (contos dentro doutros). Ten tres partes:

  • A introdución de Al-Muqaffa, que é unha apoloxía do saber e do seu carácter eminentemente práctico (nela inclúense algúns exempla).
  • A historia de Bercebuey (caps. I e II: o primeiro describe a súa viaxe a India á procura da sabedoría; o segundo é, en realidade, un de contemptu mundi).
  • A historia de Calila e Dimna propiamente dita. Nela, pola súa parte, podemos distinguir dúas partes:
    • Unha, composta polos caps. III-VI, que son os máis complexos canto a composición e os máis próximos ao Pañcatantra.
    • Outra, que abrangue os restantes capítulos, e que segue uns esquemas organizativos simples e con paralelos orientais menos claros.

Edicións[editar | editar a fonte]

  • Calila e Dimna, ed. introdución e notas de Juan Manuel Cacho Blecua e María Jesús Lacarra, Madrid, Castalia (col. «Clásicos Castalia», 133), 1984.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan Manuel Cacho Blecua e María Jesús Lacarra, «Introducción», ed. lit. de Calila e Dimna, Madrid, Castalia (Clásicos Castalia, 133), 1984, p. 10.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALVAR EZQUERRA, Carlos; GÓMEZ MORENO, Ángel e GÓMEZ REDONDO, Fernando, La prosa y el teatro en la Edad Media, Madrid, Taurus, 1991.
  • CACHO BLECUA, Juan Manuel e LACARRA DUCAY, María Jesús, «Introducción», ed. lit. de Calila e Dimna, Madrid, Castalia (Clásicos Castalia, 133), 1984, pp. 9–70. ISBN 84-7039-429-0
  • LACARRA DUCAY, María Jesús (ed., prólogo e notas), Cuento y novela corta en España, 1. Edad Media, Barcelona, Crítica, 1999, col. «Páginas de Biblioteca Clásica» dir. por Francisco Rico. Cfr. esp. para Calila e Dimna pp. 56–59. ISBN 84-7423-907-9
  • RUBIO TOVAR, Joaquín, La narrativa medieval: los orígenes de la novela, Madrid, Anaya, 1990.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]