Saltar ao contido

Cadeira de Santo Eduardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadeira de Santo Eduardo
 Nome orixinal
    Coronation Chair (en) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Epónimo
 Uso
Características
 Material / ingrediente
 Colección
Implicados
 Encargado por
 Creador/a
 Propietario/a
Localización
 Localización
 País
Fontes e ligazóns
Freebase/m/03pgcp Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

A Cadeira de Santo Eduardo, tamén coñecida como Trono de Eduardo, Cadeira da Coroación, (en inglés, King Edward's Chair, St Edward's Chair ou The Coronation Chair) é unha cadeira de madeira, situada no interior da Abadía de Westminster. O Trono de Eduardo é utilizado polos monarcas británicos durante a cerimonia de coroación. A cadeira foi encargada en 1296 polo rei Eduardo I para conter os fragmentos da Rocha do Destino, capturados por el mesmo na abadía homónima.

Cadeira da Coroación, na que se pode apreciar a Pedra de Scone.

A cadeira foi construída con madeira de carballo en estilo gótico nalgún momento entre o verán de 1297 e marzo de 1300 polo carpinteiro Walter de Durham.[1] Nun primeiro momento, o rei Eduardo ordenou que a cadeira fose de bronce, pero cambiou de opinión e finalmente decidiu que fose de madeira.[2] Trátase do moble máis antigo de Inglaterra feito por un artista coñecido.[3] Desde o século XIV todos os monarcas ingleses e británicos foron coroados neste trono,[4][5] coa excepción da raíña María II, quen utilizou unha copia.[6] Os monarcas adoitaban sentar directamente na Rocha do Destino ata que no século XVII se engadiu unha plataforma de madeira.[3]

No século XVI se engadiron uns leóns dourados nas patas, que foron substituídos en 1727. Un dos catro leóns foi restaurado cunha nova cabeza en 1821 para a coroación de Xurxo IV. A cadeira estivo orixinalmente pintada en dourado e chea de mosaicos de cristal, cuxos restos aínda son visibles, especialmente na súa parte traseira. Tamén tivo decoracións de paxaros e outros animais que aínda se poden observar.[7] A cadeira tamén estivo decorada coa imaxe dun rei, probablemente Eduardo o Confesor ou Eduardo I.[8]

No século XVIII os turistas podían sentar na cadeira pagando un pequeno prezo a un dos seus vixiantes.[9] Os primeiros turistas e coristas da abadía de Westmister gravaron as súas iniciais e realizaron outros graffitis na madeira, e incluso levaron algún anaco de madeira como recordo.[10] Sir Gilbert Scott, describiu a cadeira como "unha peza magnifica de decoración, pero tristemente mutilada".[2]

Ás 5:40 pm do 11 de xuño de 1914, a cadeira sufriu un ataque cunha bomba que segundo se cre, estivo organizado polas sufraxistas. Unha esquina da cadeira quedou destruída pola explosión. Aínda que a bomba foi o suficientemente potente como para tremer as pareces da abadía e provocou un son que puido escoitarse desde o Parlamento británico, ningunha das 70 persoas que se encontraban nese momento na abadía resultou ferida, e a cadeira puido ser restaurada por completo.[2]

Durante os seus oito séculos de existencia, o trono tan só foi sacado da abadía de Westminster en dúas ocasións. A primeira delas para a cerimonia en Westminster Hall cando Oliver Cromwell foi nomeado Lord Protector da Mancomunidade de Inglaterra. A segunda ocasión foi con motivo da segunda guerra mundial, cando foi trasladada ata a catedral de Gloucester para protexela dos bombardeos alemáns.[8] En Nadal de 1950, un grupo de nacionalistas escoceses accedeu á abadía e roubou a Rocha do Destino. Foi recuperada a tempo para a coroación de Isabel II en 1953. Desde 1996, a rocha quedou custodiada no castelo de Edimburgo, en Escocia, co acordo de devolvela a Inglaterra para as coroacións.[3]

  1. ↑ Warwick Rodwell (2013). The Coronation Chair and Stone of Destiny: History, Archaeology and Conservation. Oxbow Books. p. 305. ISBN 978-1-78297-153-5.
  2. 1 2 3 "Bomb explosion in Westminster Abbey; Coronation Chair damaged; Suffragette outrage". The Daily Telegraph. 12 de xuño de 1914. p. 11.
  3. 1 2 3 James Yorke (17 de agosto de 2013). "Review of The Coronation Chair by Warwick Rodwell". The Spectator. Consultado o 11 de febreiro de 2016.
  4. ↑ Rodwell, p. 324.
  5. ↑ Eduardo V e Eduardo VIII, que accederon ao trono en 1483 e 1936 respectivamente, nun foron coroados.
  6. ↑ Rodwell, p. 161.
  7. ↑ Sir George Younghusband; Cyril Davenport (1919). The Crown Jewels of England. Cassell & Co. pp. 59–61. ASIN B00086FM86.
  8. 1 2 "The Coronation Chair". Westminster Abbey. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2016. Consultado o 11 de febreiro 2016.
  9. ↑ Rodwell, p. 328.
  10. ↑ Rodwell, p. 184–185.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]