Burga de Xermeade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°45′13″N 8°32′39″O / 42.753712735146, -8.5442680120468

Pía de auga na burga de Xermeade.

A burga de Xermeade é un antigo manancial situado en Xermeade (Reis, Teo) á beira do río Ulla. Ten augas sulfuradas, cloruradas e sódicas, que xorden a unha temperatura constante de 15 °C. A fonte dun só cano, verte a un estanque circular duns 3 m de diámetro de pedra labrada, onde poden entrar a tomar o baño ata 24 persoas á vez. Non se sabe con certeza a época do seu descubrimento, pero polo menos hai máis de dous séculos que as augas medicinais se utilizan. Nesa época a fonte era de uso público, pero aló polos anos trinta do século XX unha familia tentou privatizar a fonte, pero os veciños de Pontevea presentaron un preito pola propiedade do manancial. Nos anos cincuenta dese mesmo século as autoridades permitiron a construción dunha pequena casa de baños mentres o xulgado non emitía sentenza sobre a titularidade das terras. Finalmente os veciños gañaron o preito e a casa de baños quedou en desuso, arestora está en ruínas reconvertida en merendeiro a carón da bañeira.

O manancial, de gran sona en toda a bisbarra, acolleu visitantes chegados de toda Galicia. As últimas décadas do século XIX e primeiras do século XX foron as de maior relevancia, chegando a computarse ata 300 bañistas diarios que repousaban nas diferentes fondas e "casas de baño de Pontevea", chegando a funcionar ata 5 casas de baño.

O manancial da burga de Xermeade figuraba nas principais publicacións sobre augas mineiro-medicinais dende mediados do século XIX, como o número 22 da Revista Médica publicado o 15 de xaneiro de 1849, aparecía recollido un artigo do ilustre químico galego Antonio Casares no que se mencionaban as sulfurosas augas da burga.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]