Buile Shuibhne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Buile Shuibhne ou Buile Suibne[a] (en galego "A loucura de Suibhne" ou "O frenesí de Suibhne"), é unha antiga lenda da Irlanda sobre Suibne mac Colmáin, rei dos Dál nAraidi, quen se volve tolo pola maldición de San Rónán Finn. O delirio fai que abandone a batalla de Mag Rath e leve unha vida errante (o que o leva a ser alcumado Suibne Geilt ou “Suibne o Tolo”), até que morre baixo a protección de San Moling.

O texto pode datarse entre 1200 e 1500 atendendo a criterios lingüísticos.[1]

O argumento[editar | editar a fonte]

A maldición do santo[editar | editar a fonte]

Conta a lenda que mentres San Rónán Finn marcaba os límites dunha nova igrexa, o son da súa campá alcanzou o ouvido de Suibhne. Este, ao saber que se estaba construíndo unha igrexa nas súas terras, saíu correndo para botar de alí a San Rónán, arrebatoulle o libro dos salmos e tirouno no lago. Entón interrompeuno a chegada dun mensaxeiro de Congal Claen, que pedía axuda na batalla de Mag Rath (preto da Moira actual, ano 637 d.C.).

Ao día seguinte, unha lontra devolveu intacto o salterio tras recollelo no lago. O santo pronunciou unha maldición sobre Suibhne, condenándoo a vagar e voar espido polo mundo, e encontrar a morte na punta dunha lanza.

Cando a batalla volveu a comezar, o tremendo ruído da loita volveuno tolo. As súas mans adormeceron, as armas caéronlle, e comezou a camiñar tan lixeiramente coma un paxaro levitando no aire. (Máis tarde revélase que, coma a un paxaro, lle saíran plumas.)

Tolemia e vida errante[editar | editar a fonte]

Suibhne deixou atrás o campo de batalla, e chegou a un bosque chamado Ros Bearaigh, en Glenn Earcain, e pousouse nun teixo. Vagou durante sete anos por toda Irlanda, e volveu a Glenn Bolcáin, que era onde estaban a súa casa e fortaleza. Visitou entón á súa muller, Eorann, que estaba a vivir con outro home, un dos aspirantes para substituír a Suibhne como rei. Eorann mantiña que prefería a Suibhne, mais el díxolle que quedase co seu novo marido.

Entón, volveu ao teixo en Ros Bearaigh, a mesma árbore á que fora cando comezou a tolear, pero cando Eorann veu a enganalo e apresalo, moveuse cara a outra árbore. Con todo, descubriuse o seu paradoiro, e un dos seus familiares, Loingsechan, convenceuno de que baixase, inventando que toda a súa familia morrera. Tras isto, Suibhne volveu á súa vida normal e recobrou a cordura, pero mentres estaba a recuperarse, o ruído dunha cazaría volveuno tolo outra vez.

Morte segundo a profecía[editar | editar a fonte]

Cando Suibhne retornou a Irlanda, a súa muller díxolle que marchase, que non volvese endexamais, porque a súa presenza era unha vergoña para todos. Pero un tempo despois, recuperou a lucidez e tomou a decisión de volver a Dál nAraidi, sen importar a sentenza que o fora agardar. San Rónán soubo disto e rezoulle a Deus para que o impedise. Así a Suibhne comezan a perseguilo cadáveres sen cabeza e cabezas decapitadas.

Finalmente, Suibhne chegou á “Casa de San Moling”, o bispo do condado de Carlow, que o acolleu despois de escoitar a súa historia. O sacerdote ordenoulle a unha muller da parroquia que lle dese de comer ao tolo. Así fixo ela, vertendo leite no buraco dunha bosta. Porén, o seu marido creu nos rumores de que os dous se ían ver ás agachadas, e nun rauto de xenio provocado polos celos, espetoulle unha lanza a Suibhne mentres estaba bebendo do buraco. Desta maneira, Suibhne morreu como Rónán ditara.

Estilo literario[editar | editar a fonte]

A poesía na historia de Suibhne é rica e coidada, e a propia historia do rei tolo e exiliado que compón versos mentres viaxa mantívose no maxín dos poetas até o século XX. En cada parada da súa viaxe, Suibhne detense para recitar un poema sobre a súa situación e o seu sufrimento. As súas descricións do campo e da natureza, xunto coa capacidade de espertar empatía no lector (“pathos”), son centrais no desenvolvemento do texto.

Seamus Heaney publicou unha tradución da obra ao inglés, que titulou Sweeney Astray (“Suibhne Extraviado”). Outra versión do orixinal, titulada The Poems of Sweeny, Peregrine, foi publicada polo poeta irlandés Trevor Joyce[2]. T.S.Eliot converteu a Sweeny na figura central do seu drama en verso Sweeney Agonistes (“Suibhne Agonista”).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén é escrito como Shuibni ou Suibne

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. O'Keeffe, James G. (1913), Buile Shuibhne (The Frenzy of Suibhne). Being the Adventures of Suibhne Geilt. A Middle-Irish Romance, Irish Texts Society, XII, Londres: D. Nutt, 198pp.
  2. Trevor Joyce. "The Poems of Sweeny, Peregrine". Consultada o 7 de maio de 2021.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • O'Keeffe, James G. (1913). Buile Shuibhne (The Frenzy of Suibhne). Being the Adventures of Suibhne Geilt. A Middle-Irish Romance. Irish Texts Society XII. Londres: D. Nutt. 198pp – vía Internet Archive. 
  • O'Keeffe, James G. (1931). Buile Shuibhne. Medieval and Modern Irish Series I. Dublin: Stationery Office. 110pp. 
  • Ó Sé, Seán (2010). Buile Shuibhne (modern Irish version) (en irlandés). Dublin: Coiscéim. 109pp. 
  • Frykenberg, Brian (2006). "Wild Man in Celtic Legend". En Koch, John T. Celtic culture: a historical encyclopedia 1. ABC-CLIO. pp. 1796–99. 
  • Mackillop, James (1998). "Buile Shuibhne". Oxford Dictionary of Celtic Mythology. ISBN 9780198691570. 
  • Ó Béarra, Feargal (2014). "Buile Shuibhne: vox insaniae from medieval Ireland". En Classen, Albrecht. Mental health, spirituality, and religion in the middle ages and early modern age. Fundamentals of Medieval and Early Modern Culture (De Gruyter). pp. 242–289.