Blandín de Cornualla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Blandín de Cornualla (en occitano: Blandin de Cornoalha) é un relato anónimo do século XIII ou XIV, composto en verso en lingua occitana.

Trama[editar | editar a fonte]

Dous cabaleiros, Blandín de Cornualla e o seu amigo Guillot (ou Guiot) Ardit de Miramar, van á busca de aventura. Un can guíaos ata unha cova. Alí Blandín bate un xigante e rescata dúas doncelas reféns.

Os dous cabaleiros e as doncelas van ata un castelo onde a familia delas está retida por outros xigantes. Blandín e Guillot tamén os baten. Despois deste episodio, ambos os dous atópanse cun paxaro que fala e lles indica unha piñeira dende a que parte un camiño ancho e outro estreito. Guillot colle o camiño ancho e remata por loitar contra un Cabaleiro Negro, a quen mata. Porén, os homes deste cabaleiro atrapan a Guillot e encarcérano. Blandín, pola súa banda, colle o camiño estreito e atópase cunha doncela que lle troca furtivamente o cabalo. O animal lévao onda un tal Peitavín, que se converte no seu escudeiro, e condúceo ata un castelo onde está encerrada unha doncela cuxo nome é Brianda. O pai de Brianda fixéraa caer nunha especie de soño encantado. Blandín bate dez homes e entra no castelo.

Alí atópase co irmán da doncela durmida, quen lle explica que para desencantala débese apoderar dun azor branco. Para logralo Blandín vence unha serpe, un dragón e un sarraceno. Finalmente o azor, rozando a man de Brianda, libéraa do seu encantamento. Brianda revela a Blandín que a doncela que lle cambiara o cabalo era unha enviada súa para que el acudise para acorrela. Blandín deixa momentaneamente a Brianda e va á procura de Guillot. Despois de bater ao señor que o mantén encarcerado, libérao. Ambos os dous tornan ao castelo de Brianda. Blandín casa con ela. Irlanda, irmá de Brianda, casa con Guillot. Os dous cabaleiros deciden non emprenderen novas aventuras.[1]

Autor[editar | editar a fonte]

Basicamente existen tres hipóteses sobre a autoría do relato. Segundo a primeira, o comporía Leonor de Provenza. Esta hipótese baséase en que Xoan de Nostradamus sostivo que esta señora o enviara a un integrante da casa real inglesa.[2] Claude Charles Fauriel máis tarde esaxerou esta afirmación, que xa era dubidosa,[3] convertendo a Leonor na autora, e despois Agnes Strickland reafirmou esta aseveración.[4] Estudosos do presente século consideran improbable esta hipótese.[5]

A segunda hipótese despréndese do texto occitano: o autor é anónimo pero sería un provenzal. A presenza de elementos lingüísticos impropios do occitano é explicada por Camille Chabaneau, quen sostén que o texto foi elaborado por un occitano inculto.[6] A. Alart[7] e, en 1961, Pere Bohigas i Balaguer, tenden a reafirmar esta hipótese.[8]

Aínda que o autor segue sendo anónimo, considérase que podería pertencer ao dominio lingüístico catalán, xa que o texto está redactado nun occitano cheo de catalanismos. O occitano era unha lingua literaria con prestixio e é próxima ao catalán, o que fai máis plausible a hipótese dun poeta catalanófono que se esforzara por escribir en provenzal.[9] Neste século esta última é a hipótese máis aceptada.[10]

Datación[editar | editar a fonte]

A obra data do século XIII ou XIV.[11][12] A primeira mención do Blandín data de finais do século XVI, e áchase en Les vies des plus célebres et anciens poetes provençaux, de Xoan de Nostradamus.[13]

A copia máis antiga do Blandín dataría do século XVIII. É un manuscrito que o duque Vítor Amadeo II de Saboia doou á Biblioteca Nacional de Turín cando foi fundada en 1720.[14]

Xénero literario[editar | editar a fonte]

O Blandín é un texto narrativo composto en versos pareados octosílabos consoantes -ás veces irregulares- agrupados en series longas.[15] O autor, no propio texto, chama o seu relato un “dictat”. A clasificación segundo os estándares actuais é complexa, pero o Blandín foi considerado unha novela (roman) ou unha novela curta ou conto longo (nouvelle).[16]

Características do texto[editar | editar a fonte]

Tópicos e elementos folclóricos: É unha obra relacionada coa materia de Bretaña, elaborada baixo a concepción medieval do amor cortés. Contén diversos elementos folclóricos e clásicos, como o heroe que vai á procura de aventuras cun axudante de menor prestixio, antagonistas fantásticos (dragóns, serpes, xigantes, etc.), desenvolvemento da trama segundo un esquema de camiño ou itinerario, o motivo da dama encantada ou bela dormente, animais-guía (típicos do lai francés), a reunión final e o final feliz (con festa, xusta e voda). Contén tamén varios tópicos recorrentes, como o locus amoenus (os lugares onde adoitan descansaren Blandín e Guillot), o locus eremus, (bosques ou cavernas escuras onde existe un perigo latente), breves descriptio puellae (todas as mulleres, excepto unha xigante, son fermosas, graciosas, branquísimas, etc.).[17]

Relación coa materia de Bretaña: Amais da orixe cornuallesa de ambos os dous cabaleiros -dos cavaliers / de Cornoalha bons guerriers (v 3-4)-,[18] varios “motivos” máis vinculan o Blandín coa materia de Bretaña:[19]

  • Lo Brächet (o can que guía aos heroes á aventura, común nos relatos artúricos).
  • L'Ausel Parlant (o paxaro que fala aparece en Le chevalier au Papegau e en Les Merveilles de Rigomer).
  • La Donzella d'Otra Mar (A doncela que troca furtivamente o seu cabalo polo de Blandín remata sendo unha enviada da dama dormente, e podería ser equiparada cunha fada; iso explicaría como Brianda, encantada, pode enviala: envíaa dende outro mundo; por iso a doncela é chamada así).
  • Donselas Conquistadas (o rescate das dúas doncelas, e despois dos seus parentes, das mans de xigantes malignos, motivo xa empregado por Godofredo de Monmouth).
  • Un Cavalier Armat de Negre (Na historia do enfrontamento entre o Cabaleiro Negro e Guillot aparecen máis trazos tradicionais da materia de Bretaña).

Por outra banda existen elementos claramente non artúricos, como o sarraceno contra quen Blandín se bate ou o xentilicio “de Miramar” de Guillot, que o fai parecer un pouco español. Amais, que sexan presentados como cabaleiros vidos de Oriente -cavaliers d'Orien/ sercans avantura veramen (v 515-16)- pode vinculalos tanto cunha tradición literaria hispánica (dous romances españois do mesmo período teñen heroes que afirman vir de Oriente: a Gran conquista de Ultramar, ambientada en Oriente Medio, e El Libro del caballero Zifar). Porén, tamén aparece esta orixe en Cligès de Chrétien de Troyes.[18]

Estrutura narrativa: A trama desenvólvese segundo un esquema de camiño ou itinerario.[20] O texto ten unha estrutura bipartita simétrica común nos romans medievais, segundo a que, excepto o prólogo (v. 1-25) e o epílogo (v. 2.389-2.394), os episodios pódense repartiren en dúas partes nas que os cabaleiros están, de maneira alterna, xuntos ou sós:[21]

Primeira parte (v. 26-542)

Episodio Xuntos Blandín Guillot
Encontro co can guía (v. 26-75) X
Rescate das doncelas contra o xigante (v. 76-192) X
Reencontro e viaxe curta de Blandín e Guillot (v. 193-304) X
Ataque ao castelo dos xigantes e cadea para Guillot (v. 305-358) X
Intervención de Blandín, liberación de Guillot e vitoria de ambos (v. 359-542) X

Segunda parte (v. 543- 2.388)

Episodio Xuntos Blandín Guillot
Encontro co paxaro que fala e a piñeira (v. 543-606) X
Guillot contra o Cabaleiro Negro e prisión de Guillot (v. 607- 982) X
Rescate da doncela dormente (v. 983-1.936) X
Reencontro de Blandín con Guillot e dobre matrimonio (v. 1.937-2.388) X

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vicent Matines Peres. Blandín de Cornualla: versió al català actual i traducció al castellà. Curs 2011-2012. Dispoñible en http://www.ivitra.ua.es/EdicioBlandiin.pdf
  2. Jehan Nostredame. Les Vies des plus célèbres et anciens poètes provençaux, eds C. Chabaneau e J. Anglade. París, 1913.
  3. Agnes Strickland. Lives of the Queens of England, from the Norman Conquest. Tomo II. Henry Colburn Publisher. Londres, 1840. P. 76-77. Dispoñible en liña en https://ia902704.us.archive.org/21/items/agnesstricklands02striiala/agnesstricklands02striiala.pdf
  4. M.A. Burrell. The classification of Blandin de Cornouailles: the romance within and without. Florilegium. Dispoñible en liña en PDF.
  5. M.A. Burrell. Op. cit. Páx. 15.
  6. Chabaneau, Camille. "Notes critiques sur quelques textes provençaux. Blandinde Cornouailles" Revue des langues romanes I e r série 8 (1877): 31-47.
  7. Alart, A. "Observations sur la langue du roman du Blandin de Cornouailles et Guillot Ardit de Miramar". Revue des langues romanes I. série 5 (1874): 275-304.
  8. Citado en The classification of Blandin de Cornouailles: the romance within and without, de M.A. Burrell. Florilegium. P. 16. Dispoñible en liña en PDF.
  9. Paul Meyer. "Le roman de Blandin de Cornouailles et de Guillot Ardit de Miramar, publié pour la première fois d'après le ms. unique de Turin" Romania 2 (1873): 170-202.
  10. Blandín de Cornualla. Introdución de Jordi Tiñena. Edicións Bromera. P. 14-15. Dispoñible en https://drive.google.com/file/d/0B2GFUgeXSgwjanlIX2hNTWpfaWs/edit?pli=1
  11. Zulema Jiménez Mola, Un género para «Un bel dictat»: «Blandín de Cornualles». Actas del VIII Congreso Internacional de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval. Santander 22-26 de septiembre de 1999. Palacio de la Magdalena. Universidad Internacional Menéndez Pelayo. Consejería de Cultura del Gobierno de Cantabria.
  12. Vicent Martines Peres. Op. cit.
  13. M.A. Burrell. Op. cit. P. 13.
  14. M.A. Burrell. Op. cit. P. 1.
  15. Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 4..
  16. Zulema Jiménez Mola. Op. cit.
  17. Prof. Dr. Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 3-4.
  18. 18,0 18,1 M.A. Burrell. Op. cit. P. 16.
  19. Zulema Jiménez Mola. Op. cit, P. 1037.
  20. Vicent Martines Peres. Op. cit. P. 3.
  21. Zulema Jiménez Mola. Op. cit, P. 1035.