Bioxénese
O termo bioxénese (xénese da vida), creado por Huxley (1870), biólogo británico, a partir do prefixo bio- (do grego βίος vida), e xénese (do grego γένεσις xeración) ten varios significados:
- Unha teoría fundada segundo o principio Omne vivum ex vivo ou Omne vivum ex ovo (todo ser vivo procede dun ser vivo, ou todo ser vivo procede dun ovo), tamén coñecido como a lei da bioxénese ou a teoría da bioxénese, segundo a cal un ser vivo non pode provir máis que doutro ser vivente.
- Segundo o sacerdote xesuíta, científico e filósofo francés Pierre Teilhard de Chardin é a aparición e desenvolvemento da vida, é dicir, a orixe da vida.
- Un sinónimo de biosíntese, á dicir, a elaboración dunha substancia por e nun organismo vivo.
Lei da bioxénese
[editar | editar a fonte]A lei da bioxénese, atribuída a Louis Pasteur, establece que a vida procede dunha vida preexistente, non de materia non vivente.[1]</ref> Os resultados empíricos de Pasteur (e outros) resúmense nas frases latinas Omne vivum ex vivo ou Omne vivum ex ovo ("todo ser vivo procede doutro ser vivo", e "toda ser vivo procede dun ovo"), que tamén son coñecidas como a "lei da bioxénese". Demostraron que a vida non se orixina espontaneamente de cousas non vivas presentes no medio. Pasteur estableceu: La génération spontanée est une chimère ("A xeración espontánea é unha quimera").
Abioxénese e xeración espontánea
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Xeración espontánea.
A orixe da vida a partir de materia inerte coñécese como abioxénese. Esta formulación dominaba o mundo científico desde a época dos filósofos da antiga Grecia. É así como Aristóteles sostiña que animais e plantas se orixinaban por xeración espontánea, é dicir, espontaneamente a partir de restos de seres vivos en descomposición, da lama ou do lixo.
A hipótese da xeración espontánea foi rexeitada por Francesco Redi (1626-1697) quen, en 1665, demostrou que os vermes que se detectaban na carne proviñan de ovos de moscas, e que non aparecían se se protexía a carne cunha malla fina. A aparición espontánea de microorganismos que descompoñían a materia orgánica foi máis difícil de refutar, xa que os microorganismos eran moi pequenos (obviamente) e non se podía ver claramente se proviñan doutros antecesores ou ben da materia inerte.
O científico John T. Needham (1713–1781) propuxo que as moléculas inertes podían reagrupase para dar lugar á aparición de microorganismos. Para poñer a proba esta idea Lazzaro Spallanzanani (1729-1799) realizou unha serie de experimentos que demostraron que a presenza de microorganismos pode evitarse se os medios onde proliferan son previamente fervidos e se manteñen pechados hermeticamente.[2].
Finalmente, Louis Pasteur (1822-1895), contra 1860, demostrou que no aire hai gran cantidade de microorganismos que son os responsábeis da descomposición da materia orgánica.[3][4]
Principais partidarios da teoría da bioxénese
[editar | editar a fonte]Thomas Henry Huxley foi un dos grandes partidarios da teoría bioxénica, xuntamente con Francesco Redi e Oscar Hertwig, quen afirmou que o desenvolvemento das células non é determinado e espontáneo, senón que, polo contrario, cada célula desenvólvese segundo o lugar que pasa a ocupar no organismo, e de acordo coas influencias exercidas polas outras células, así como polos axentes externos.
Segundo Ernst Haeckel a evolución do individuo debe reproducir a da especie. Segundo el, a historia do desenvolvemento das especies repítese no desenvolvemento embrionario do individuo.
A mesma lei vale para o desenvolvemento mental do individuo. Carl Gustav Jung procurou do mesmo modo explicar transformacións ocorridas durante o desenvolvemento mental do individuo polo desenvolvemento intelectual da especie. Así, sempre segundo Jung, o neno desenvólvese a partir dunha condición orixinalmente inconsciente e animal para o estado de consciencia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pasteur's Papers on the Germ Theory (en inglés)
- ↑ The controversy over spontaneous generation Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ The microbial world: a look at things small Arquivado 21 de marzo de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Biogenesis and Abiogenesis: Critiques and Addresses (en inglés)