Bebida enerxética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bebidas enerxéticas.

As bebidas enerxéticas ou hipertónicas son bebidas sen alcohol que conteñen substancias estimulantes e que ofrecen ó consumidor o evitar ou diminuír a fatiga e o esgotamento, ademais de aumentar a habilidade mental e achegar un incremento da resistencia física. Están compostas principalmente por cafeína, varias vitaminas, carbohidratos e outras sustancias naturais orgánicas como a taurina, que eliminan a sensación de esgotamento da persoa que as consome. Non se deben confundir coas bebidas isotónicas nin con outro tipo de bebidas como as gasosas, xa que inclusive nos mesmos envases advírtese que non se consideran bebidas hidratantes. Por conter altas doses de cafeína poden producir dependencia e outros efectos adversos.

Parte da sensación de benestar producida polas bebidas enerxéticas é causada por un efecto enerxético que se produce pola acción de substancias psicoactivas (sendo a cafeína, un alcaloide, un dos ingredientes nestas bebidas) que actúan sobre o sistema nervioso central, inhibindo os neurotransmisores encargados de transmitir as sensacións de cansazo ou soño e potenciando aqueles relacionados coas sensacións de benestar e a concentración. A cafeína, por exemplo, logra aumentar os niveis extracelulares dos neurotransmisores noradrenalina e dopamina na cortiza prefrontal do cerebro, o que explica boa parte dos seus efectos favorables sobre a concentración.

Aínda que estas bebidas inclúen na súa composición glicosa e outros azucres que proporcionan enerxía ó corpo (agás as versións dietéticas), non eliminan realmente a fatiga muscular nin o esgotamento en xeral, soamente inhibe temporalmente estas sensacións, por tanto é normal unha sensación de abatemento unha vez que acaba o seu efecto no organismo. Á marxe dos efectos que producen a cafeína e o azucre que conteñen, os estudos respecto diso conclúen que hai poucas ou ningunha evidencia de que a ampla variedade de ingredientes adicionais teña efecto algún.[1]

Notas[editar | editar a fonte]