Bangor é unha vila do norte de Gales, pertencente ao condado de Gwynedd. En 2008 tiña 21735 habitantes. É sé episcopal, e sede da Universidade de Bangor.
A vila ten a súa orixe na construción dun mosteiro polo monxe cristián Deiniol a mediados do século VI. O topónimo Bangor provén dun termo galés referido a un tipo de cercado, como o que había orixinalmente no lugar do cenobio. Nese lugar atópase a actual catedral, que tivo diversas reformas ao longo da historia. A diocese de Bangor é unha das máis antigas de Gran Bretaña. En 1557 fundouse Ysgol Friars, a Escola dos Frades.
En 1718 comezou a medrar ao pasar pola vila a ruta postal entre Londres e Dublín, que pasaba tamén por Porthaethwy. Medrou tamén ao construírse unha liña de ferrocarril entre Bethesda e Penrhyn, onde se abriu unha canteira de lousa. A mediados do século XIX Bangor era a cidade máis importante do norte de Gales.