Unha bicicleta de montaña, tamén chamada bicicleta todo terreo ou BTT, é unha bicicleta apta para ser empregada en terreos accidentados. Foi inventada nos Estados Unidos como variante da bicicleta de ciclo cross e coñeceu unha gran popularidade en España na década de 1990.
Para responder satisfactoriamente ao uso que é habitual nunha bicicleta de montaña, os seus compoñentes deben ser especialmente resistentes aos esforzos mecánicos e tamén á acción da auga e da lama. As bicicletas de montaña contan con sistemas de cambio de velocidades especialmente amplos para adaptar o pedaleo ás diversas variacións do terreo.
O 60% das bicicletas vendidas en todo o mundo dende 1985 son de montaña, aínda que só a metade chega a rodar sobre camiños de terra.[1]