Saltar ao contido

British Aerospace 146

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Avro RJ100»)
British Aerospace 146
Tipopasaxeiros
FabricanteBritish Aerospace, BAE Systems, Avro International
Primeiro voo3 de setembro de 1981
Introducidomaio de 1983
Unidades construídas387 (Avro RJ: 166; BAe 146: 221)

O British Aerospace 146 (tamén BAe 146) é un avión de pasaxeiros rexional que foi fabricado no Reino Unido por British Aerospace, posteriormente parte de BAE Systems.

Produciuse dende 1983 ata 2002. A fabricación dunha versión mellorada coñecida como Avro RJ comezou en 1992. Unha variante mellor con novos motores, o Avro RJX, anunciouse en 1997, pero só se construíron dous prototipos e unha unidade de produción antes de que rematase a fabricación en 2001. Con 387 unidades producidas, o Avro RJ/BAe 146 é o reactor civil máis exitoso do Reino Unido.

O BAe 146/Avro RJ é un monoplano cantilever de á alta cunha cola en "T". Ten catro motores turboventilador montados en góndolas baixo as ás, e unha tren de aterraxe en triciclo. O avión ten un comportamento moi silencioso e foi comercializado baixo o nome de Whisperjet (reactor susurrante).[1] É amplamente usado en pequenos aeroportos baseados en cidades. O seu rol principal é como avión rexional en rutas curtas. O BAe 146/Avro RJ é moi usado entre as aeroliñas europeas, como Brussels Airlines, CityJet, Swiss International Air Lines e Lufthansa.

O BAe 146 ten tres versións: -100, -200 e -300. As variantes equivalentes do Avro RJ son designadas RJ70, RJ85 e RJ100. A versión de carga ten a designación "QT" (Quiet Trader), e unha versión convertible de pasaxe e carga desígnase "QC" (Quick Change).

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1973 Hawker Siddeley lanzou un novo proxecto de avión de pasaxeiros rexional de 70 asentos, o HS.146, para encher o oco entre os turbohélices como o Hawker Siddeley HS.748 e o Fokker F.27 e os pequenos reactores como o BAC One-Eleven e o Boeing 737.[2][3] A configuración elixida tiña unha á alta e unha cola en T para conseguir unhas boas actuacións en pistas curtas, mentres que o aparello estaría impulsado por catro motores Avco Lycoming ALF 502H turbofan. Houbo varias razóns polas que non se elixiu unha configuración de dous motores.[4] Un factor importante foi que ningún fabricante estaba producindo na época un motor turbofan de alto índice de derivación de 13 000 lbf de pulo.

O programa lanzouse inicialmente co apoio do goberno británico, que accedeu a pagar o 50% dos custos de desenvolvemento a cambio dunha parte dos ingresos por cada avión vendido.[5] En outubro de 1974 detivéronse todos os traballos do proxecto debido á desaceleración económica pola crise do petróleo de 1973.[6][7][8]

Porén, proseguíuse cun desenvolvemento discreto e en 1978 British Aerospace, o sucesor de Hawker Siddeley, relanzou o proxecto. British Aerospace comercializou o avión como un aparello silencioso e de baixo consumo que sería efectivo substituíndo á anterior xeración de turbohélices.[3] O primeiro pedido para o BAe 146 foi feito por Líneas Aéreas Privadas Argentinas en xuño de 1981. Antes do seu primeiro voo, British Aerospace pronosticara que o máis pequeno 146-100 venderíase mellor que a variante 146-200, porén, as aeroliñas amosaron máis interese pola versión máis grande.[9]

En 1981 completouse unha gran liña de montaxe en Hatfield,[9] e o primeiro avión voou por vez primeiro ese mesmo ano seguido por dous prototipos máis.[2][10] Os resultados do primeiro voo amosaron unhas mellores características na engalaxe e na subida das previstas.[10] En 1982 British Aerospace dixo que se necesitaban vender 250 unidades para acadar o punto de equilibrio.[10] O BAe 146 conseguiu o seu certificado o 8 de febreiro de 1983.

Produción

[editar | editar a fonte]
Avro RJ100 de BRA

Os primeiros avións de produción fabricáronse en Hatfield, que orixinalmente fora unha fábrica de de Havilland. A familia Avro RJ montouse na fábrica de Avro International no aeródromo de Woodford, no Gran Manchester. A fabricación de varias seccións do avión levouse a cabo en diferentes plantas de BAE Systems. A parte traseira da fuselaxe fabricouse en Chadderton, Gran Manchester, o centro da fuselaxe en Filton, o estabilizador vertical en Brough, e os píos dos motores en Prestwick.[11] A sección dianteira fabricouse en Hatfield, onde se atpaba a liña de montaxe dos primeiros aparellos. A fabricación dalgunhas partes subcontratouse a empresas de fóra do Reino Unido; as ás fabricounas Textron nos Estados Unidos e as superficies de control Saab-Scania en Suecia.[12][13]

Debido aos bos resultados das vendas do BAe 146, British Aerospace anunciou un proxecto de desenvolvemento a principios de 1991 para producir unha nova variante do modelo con dous motores en vez de catro, ofrecido ás aeroliñas como un reactor rexional. Bautizado como New Regional Aircraft (NRA), outras alteracións propostas incluían a adopción dunha nova á máis longa e dunha fuselaxe máis grande.[14]

En 1993 a serie mellorada Avro RJ substituíu o 146. Entre os cambios estaban a substitución dos motores orixinais Lycoming ALF 502 polos LF 507 de máis pulo, instalados en góndolas redeseñadas. A serie Avro RJ tamén tiña unha cabina de mando modernizada con EFIS (Sistema electrónico de instrumentos de voo). Un acordo entre British Aerospace e Khazanah Nasional abriría unha liña de produción do Avro RJ en Malaisia, porén, este trato cancelouse en 1997.

No ano 2000 British Aerospace anunciou que substituiría a serie Avro RJ cunha mellorada serie Avro RJX. Os plans para fabricar esta nova serie canceláronse oficialmente en novembro do ano seguinte. A produción do Avro RJ rematou coa entrega dos catro derradeiros exemplares a finais de 2003. Entre 1993 e 2003 entregáronse un total de 173 Avro RJ.

  1. Library of Congress (ed.). "BAe 146 (Jet transport)". Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Velupillai 1981, p. 1244
  3. 3,0 3,1 Hewish 1982, p. 857
  4. Flight Global (ed.). "HS.146". Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  5. Air International, January 1974, pp. 19–20.
  6. Flight Global (ed.). "HS.146—What Went Wrong". Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  7. Flight Global (ed.). "Benn puts HS.146 on ice". Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  8. Air International September 1980, p. 131.
  9. 9,0 9,1 Velupillai 1981, p. 1243
  10. 10,0 10,1 10,2 Hewish 1982, p. 858
  11. Piggot, Peter (2005). Dundum Press, ed. Royal Transport: an Inside Look at the History of Royal Travel. ISBN 1554882850. 
  12. shockcone.co.uk (ed.). "History of the 146". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2018. Consultado o 4 de xullo de 2018. 
  13. Velupillai 1981, pp. 1249, 1252
  14. "Stretched BAe 146 Twin in the Works". Flying Magazine 3 (118): 8. Marzo de 1991. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]