Automotive Safety Integrity Level

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Automotive Safety Integrity Level, coñecido polo acrónimo de ASIL, é un sistema de clasificación de risco definido no estándar ISO 26262 para a seguridade funcional dos vehículos con permiso de circulación na vía pública.

O estándar define a seguridade funcional como a ausencia razoábel do risco de que se produzan danos debidos ao mal funcionamento dos sistemas eléctricos e electrónicos que conforman o vehículo. ASIL establece unha serie de requisitos unidos a unha táboa estatística que definen a aceptabilidade con respecto ao estándar e o nivel ao que se esixe a seguridade a cumprir para cada un deses compoñentes do sistema.

Existen catro niveis de ASIL; ISO 26262―A, B, C e D. A progresión desde ASIL A comeza no menor nivel de perigo para os ocupantes do vehículo rematando no ASIL D, o maior grao de perigo medíbel polo sistema.

Elementos dun coche como o airbag, o sistema antibloqueo das rodas (ABS) e a dirección asistida son cualificados como ASIL-D, razoábeis probabilidades de causa de accidente por parte das pezas que pode levar a lesións mortais, ou de supervivencia incerta. Por outra banda, as luces traseiras mídense cun nivel de risco do grao ASIL-A. A iluminación dianteira ou as luces de freo comunmente son cualificadas como ASIL-B e o control de velocidade dentro do ASIL-C.[1]

Contexto[editar | editar a fonte]

O sistema ASIL ten correpondencias directas noutras industrias como pode ser a electrónica de consumo ou a aeroespacial :

Comparativa de ASIL noutras industrias
Campo de aplicación Niveis de seguridade para cada campo
Automotive (ISO 26262) QM ASIL-A ASIL-B/C ASIL-D -
Electrónica de Consumo (IEC-61508) - SIL-1 SIL-2 SIL-3 SIL-4
Aviación (ED-12/DO-178/DO-254) DAL-E DAL-D DAL-C DAL-B DAL-A
Ferrocaril (CENELEC 50126/128/129) - SIL-1 SIL-2 SIL-3 SIL-4

O sistema ASIL non mide valores concretos dos dispositivos, entende o risco que envolve a cada funcionalidade do vehículo e a partir desa definición as enxeñeiras rompen o sistema en unidades menores para atopar ao dispositivo co maior grao de inseguridade, pois as medidas que se precisan para resolver un ASIL alto consome moitos recursos, o proceso de atopar ao elemento que pon en risco ao sistema é vital. O proceso implica enxeñaría inversa e creación de moitas hipóteses, debido a este motivo a SAE (Society of Automotive Engineers) creou o documento J2980, “Considerations for ISO 26262 ASIL Hazard Classification” no ano 2015, unha guía coa intención de recoller casos previos que sirvan como base para novas producións, e con definicións moito máis concretas para intentar asir con referencias conceptos como a severidade dun risco.

Coa chegada da investigación cara ao vehículo autónomo o requisito ASIL de "controlabilidade" perde sentido e esixe revisión pola industria desde 2018, xa que a ausencia dun condutor implica a presenza constante dun C3 nese requisito, extremadamente incontrolábel. [2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]