Vehículo todo terreo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Automóbil todo terreo")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Suzuki Jimny, un pequeno automóbil todo terreo.

Un vehículo todo terreo[1] é un tipo de vehículo deseñado para ser conducido en todo tipo de terreos. Un dos primeiros vehículos todo terreo modificados foi a eiruga Kégresse, unha conversión realizada por primeira vez por Adolphe Kégresse, quen deseñou o orixinal namentres traballaba para o tsar Nicolao II de Rusia entre 1906 e 1916. Inicialmente os todo terreos foron usados na guerra, pero despois, estes vehículos foron adaptados para uso civil e aproveitados para realizar travesías, vixiar zonas protexidas e moverse en terreos ásperos ou escorregadizos. Case todos os vehículos todo terreo actuais incorporan tracción ás catro rodas. Hoxe en día son imprescindíbeis en zonas rurais, de alta montaña, desertos e en xeral en calquera lugar de difícil acceso para os vehículos «normais». Con todo, o uso destes vehículos esténdese máis aló do profesional, que segue existindo, polo que hoxe en día é o uso por lecer o máis utilizado.

Moitos todo terreos contan tamén cunha caixa redutora, sistema indispensábel cando se empregan vehículos con motores de baixa-media potencia, que permite multiplicar a forza do motor grazas ao uso de engrenaxes especializadas, para a superación de obstáculos complicados. Tamén serán moi útiles uns ángulos dianteiros ou de ataque do coche, ventral (ventre do mesmo) e traseiro (saída) do coche, capaces de superar os devanditos obstáculos e pendentes empinadas. Tamén é importante un chasis con reforzos ou placas para superar os esforzos e golpes neste tipo de usos, podendo ser un chasis de traveseiros ou ben un monocasco. Cando se queira circular a través de terreos extremadamente agrestes ou irregulares, serán indispensábeis os «diferenciais con bloqueo». Estes permiten que cando unha ou máis rodas fican no ar ou escorregan, as que están en terreo firme traccionen para que o vehículo poida seguir avanzando, cos diferenciais bloqueados.

Actualmente xorden algúns grupos e asociacións que se adican exclusivamente ao «Off Road», un deporte de aventura no cal se empregan todo terreos para sortear terreos silvestres con fins recreativos. Moitos afeccionados consideran a este deporte un estilo de vida.

Vehículos todo terreo comerciais, militares e menos comúns[editar | editar a fonte]

As Forzas Armadas e os servizos públicos europeos usaron vehículos todo terreo Land Rover Defender, Haflinger, Pinzgauer, Volvo L3314, e Mercedes-Benz Unimog para o transporte todo terreo. O portugués UMM Alter é menos común. En América, a norma é usar camionetas grandes e potentes tipo pick-up ou vehículos SUV, tales como a Ford F-150, Chevrolet Suburban ou Ram 2500 Power Wagon.

O mercado militar para vehículos todo terreo adoitaba ser grande, pero, dende a caída do pano de aceiro na década de 1990, cesou até certo punto. O Jeep estadounidense, desenvolto durante a Segunda Guerra Mundial, acuñou a palabra que moitas persoas utilizan para calquera tipo de vehículo lixeiro todo terreo. Nos Estados Unidos, o sucesor do Jeep dende a década de 1980 foi o AM General HMMWV. O bloque soviético utilizou o GAZ-69 e o UAZ-469 en roles similares. En países montañosos como México ou Perú, o relevo accidentado no cal se desenvolven as actividades do sector produtivo adoita traducirse nun mercado próspero para os vehículos todo terreo, sendo aí comúns as camionetas pick-up grandes pola súa capacidade de mover cargas lixeiras por terreos accidentados.

Vehículo deportivo utilitario[editar | editar a fonte]

SUV Audi Q5.

Un vehículo deportivo utilitario (SUV) tradicional é un automóbil todo terreo adaptado para un uso maioritario no asfalto, pero cunha capacidade de sorteo de obstáculos algo maior. Algúns SUV non teñen caixa redutora e poden non ter tracción nas catro rodas, a súa suspensión ten un percorrido menor (menos flexibilidade ás imperfeccións do terreo) e a altura do eixe é ás veces menor. Tamén son menos resistentes perante o uso intensivo en condicións adversas de condución. Os vehículos deportivos utilitarios «compactos» teñen chasis monocasco e están baseados en plataformas de tracción dianteira convertidos en tracción integral ou nas catro rodas.

Hoxe en día utilízanse vehículos deportivos utilitarios con tracción ás catro rodas con fins de diversión e recreación.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]