Asociación Galega de Historiadores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación Galega de Historiadores
Tipoasociación profesional
Data de fundación1990
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

A Asociación Galega de Historiadores é unha asociación fundada en 1990 por diversos investigadores vinculados á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Vén celebrando desde a súa posta en marcha diversas actividades encamiñadas á recuperación da memoria histórica de Galiza. É, nesta orde de cousas, a entidade veterana e pioneira.[Cómpre referencia]

Actividades[editar | editar a fonte]

Concretouse este labor de recuperación do patrimonio histórico na promoción de investigacións, a colaboración e orientación/asesoramento en proxectos de investigación, así como na celebración de distintas actividades públicas de posta en valor do pretérito: camiñadas guiadas polo casco vello de Santiago de Compostela con varios itinerarios), a través das cales se dá a coñecer episodios de relevo no plano histórico, así como acontecementos e persoeiros localizados en Santiago de Compostela, desenvolvemento de conferencias, cursos e congresos no marco da USC. Desde 1992 a Asociación Galega de Historiadores desenvolve a Semana Galega da Historia e os Congresos de Novas e Novos Historiadores de Galiza.

As Semanas Galegas da Historia son congresos monográficos nos que, desde os máis diversos campos, se trata e se discute arredor dun determinado tema, afondando na dimensión histórica do mesmo e, de ser compartido o obxecto de análise con noutras latitudes, nas particularidades que presenta en Galiza. Nas XI edicións da SGH xa desenvolvidas, tense analizado:

  • O poder en Galiza
  • A guerra en Galiza
  • As concepcións espaciais e as estratexias territoriais en Galiza
  • O rural e o urbano en Galiza
  • Morte e sociedade en Galiza
  • O feito relixioso en Galiza

...e, entre outros, a importancia do mar para o país, un tema que deu pé ao monográfico Galiza Mare Nostrum: a importancia do mar en Galiza (2001). O Paraninfo da USC, o Consello da Cultura Galega ou facultades como Ciencias da Educación en Compostela ou Humanidades en Lugo teñen acollido, entre outras localizacións, diversas Semanas Galegas da Historia. A periodicidade destes congresos é anual e a Universidade ano tras ano, en función da rigorosidade das exposicións e o talle intelectual dos participantes, ten recoñecido os encontros con créditos de libre configuración enmarcados nos currículos académicos.

Logo, os Congresos de Novos Historiadores de Galiza son encontros que ao longo dunha semana reúnen a historiadores que desde hai pouco tempo realizan traballos de investigación. Nos últimos vinte anos moitas e moitos dos máis relevantes historiadores de Galiza, boa parte dos actualmente docentes universitarios de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, teñen publicado os seus primeiros traballos de investigación logo de os teren presentado nos devanditos Congresos de Novas e Novos Historiadores, por regra xeral derivados das súas Teses de Doutoramento; encontros estes de temática libre.

A partir do ano 2001 a Asociación Galega de Historiadores comezou unha nova etapa, na que o contemporaneísta Uxío-Breogán Diéguez Cequiel asumiu a súa presidencia e a vicepresidencia o especialista en Historia da Arte Mario Cotelo, primeiro, e a medievalista Alexandra Cabana Outeiro, pouco despois. Nesta altura a AGH afortalando as SGH[Cómpre clarificar] e os Congresos de Novos Historiadores de Galiza encetou un novo proxecto. En colaboración co Colectivo Murguía, grupo que ideou e mantén fundamentalmente o proxecto, botouse a andar Murguía, Revista Galega de Historia. Coincidindo o colectivo de historiadores e a AGH na necesidade dunha publicación galega adicada á difusión dos resultados da investigación histórica do pasado galego, e da humanidade en xeral, e cunha periodicidade trimestral, coa que manter socialmente unha tensión e atención referida ao pretérito do país, chegouse ao acordo de botar a andar Murguía, Revista Galega de Historia. O nome da publicación é un recoñecemento ao labor desenvolvido polo "pai da historiografía nacional galega". Unha publicación, a dicir polos seus promotores, "aberta a toda a comunidade de historiadores e historiadoras, como ponte entre estes e o conxunto da nosa sociedade".

Así mesmo, a AGH dotouse no 2010 dunha páxina web propia, impulsando xunto a Murguía, Revista Galega de Historia o bianual Premio ao Mérito e Labor Historiográfico, que recaeu no investigador Bernardo Máiz.

En 2011 deuse paso a unha nova directiva, nomeándose presidente Carlos Velasco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]