As Abellas, Muíño, Zas
| As Abellas | |
|---|---|
| Parroquia | Muíño |
| Concello | Zas |
| Coordenadas | 43°01′38″N 8°56′58″O / 43.027230423288, -8.9493655929755 |
| Poboación | 50 hab. (2024) |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
As Abellas é un lugar da parroquia de Muíño no concello coruñés de Zas da Comarca da Terra de Soneira. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 50 habitantes (26 homes e 24 mulleres)[1].
Demografía
[editar | editar a fonte]Na seguinte gráfica pode verse como evolucionou a poboación do lugar desde 1900 até 2024:[1][2]
| Gráfica de evolución das Abellas entre 1900 e 2024 |
![]() |
Obsérvase un claro descenso desde a década dos oitenta, reducíndose a poboación a menos da metade en catro décadas. De feito, a poboación do lugar das Abellas en 2024 era bastante inferior á que tivera mesmo en 1900, máis de 120 anos antes.
Toponimia
[editar | editar a fonte]Levan este nome tamén un castro e un regato (afluente do Xallas) que atravesan as terras do lugar.
A primeira referencia documental do lugar data de 1762 nas Comprobacións do Catastro de Ensenada, correspondentes á parroquia de Muíño, en que se fala de "el lugar das Avellas". Mais tarde, aparece castelanizado sen artigo: Abellas tanto Dicionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1845-1850), como nos nomenclátores dos séculos xix e xx. Na Geografía General del Reino de Galicia de Carré Aldao (c. 1928), indícase sobre a parroquia de Muíño: "No hay más aldeas que Abellas", considerando o resto de localidades como menores.
Aparentemente este topónimo podería vir do nome común abella (do latín ăpĭcŭla 'abella pequena', diminutivo de ăpis 'abella'), facendo referencia a un lugar con niños de abellas bravas ou á existencia dunha abelleira ou alvariza, un antigo conxunto de colmeas para a cría de abellas e produción de mel.
Esta hipótese vese reforzada por unha publicación dunha asociación veciñal de Muíño: A Pita Cega (2018), indicando que no lugar das Abellas houbera alvarizas. Ademais, no Interrogatorio do Catastro de Ensenada (1752) correspondente a Brandoñas, parroquia limítrofe con Muíño situada a escasos quilómetros do lugar, dezaoito veciños declaran posuír 70 colmeas, non declarándose unha cantidade tan alta en ningunha outra parroquia do actual concello de Zas. Nesa mesma parroquia, existe unha localidade chamada Borreiros, que pode facer alusión a 'persoas que comercian coa cera das abellas' ou 'que esmelgan colmeas'. Nas ruínas da aldea de Vilarcovo (asolagada en 1966 polo encoro da Fervenza) pódese ver tamén unha casa con moitas entenas para colmeas.
Pola contra, Edelmiro Bascuas (2014) cita un documento do mosteiro de Sobrado do ano 960 en que se menciona un lugar chamado uilla Abelio, posibelmente o mesmo que en 1176 aparece como Auelliu Superiorem. Aínda que recoñece que carece de datos suficientes como para asegurar a súa localización exacta o lingüista suxire que, ao estar no concello de Zas, podería corresponderse co topónimo de estudo:
a xulgar pola mención de Sanctum Iacobum de Carreira na delimitación e a súa posible identificación co actual Santiago de Carreira en Zas, situado relativamente cerca en Muíño (Zas), pode ser continuación de Auelliu, aínda que con cambio de xénero e de número. Sexa como for, Auelliu, Abelio non pode derivar do lat. apis > apicula > abella, pois u non se emprega na documentación medieval para representar p etimolóxico, alternando polo contrario u e b para representar u.
As Abellas trátase dun únicum na toponimia maior de Galiza, aínda que hai máis de 50 microtopónimos con este nome. No entanto, A Abelleira é moi abundante, pois pasa de 40 ocorrencias. Tamén son topónimos maiores únicos A Abellariza (Coristanco) e Alvariza (Noia)[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 2024". www.ige.gal. Consultado o 2026-01-11.
- ↑ Domínguez Rial, Evaristo; Lema Suárez, Xosé María (2020). "Zas polo miúdo" (PDF). Deputación da Coruña. Consultado o 2026-01-11.
- ↑ Lema Suárez, Xosé María. "Toponimia de Zas". Real Academia Galega. Consultado o 2026-01-11.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Muíño
[editar | editar a fonte]| Lugares da parroquia de Muíño no concello de Zas (A Coruña) | |
|---|---|
|
As Abellas | Campos | A Churía | O Couto | A Fonte Espiño | Marán | Pedra Padreiro | A Santa | A Toxa | O Vilar |
