Saltar ao contido

Anuncio de Sinais e Freada Automática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baliza do sistema ASFA.

O ASFA (Anuncio de Sinais e Freada Automática) é un sistema de alarma automático amplamente difundido na rede ferroviaria española. Consiste nun mecanismo que detén o tren en caso de que o maquinista non respecte o indicado nos sinais.

Implantación

[editar | editar a fonte]

O sistema foi encargado por RENFE na década de 1970. Daquela, as redes ferroviarias doutros países xa dispuñan con anterioridade de sistemas semellantes, circunstancia que lle permitiu ao ASFA un maior avance tecnolóxico cós seus competidores.

Baliza ASFA para vías de dobre largo (1668 e 1435 mm), instalada entre eurobalizas do sistema ERTMS.

Foi progresivamente implantado en todas as liñas de RENFE, desde as principais até acadar practicamente toda a rede, de xeito que apenas quedan unhas poucas sen o sistema ASFA instalado.[1] Tamén está amplamente implantado na Rede de Ancho Métrico (RAM) anteriormente pertencente a FEVE e na rede dos FGV.

En 2005 iniciouse por parte de Adif un proceso para anovar no sistema, no que se deu a coñecer como «ASFA Dixital». Os cambios non afectaron as balizas, que seguen a transmitir a súa información de forma analóxica, senón ao equipo de procesado do sinal no tren, que ao ser dixital permite a utilización de curvas de freada ou unha mellor representación en cabina dos sinais recoñecidos.

A interoperabilidade entre as redes de diferentes países cara a que se dirixe a Unión Europea vese restrinxida polo uso de sistemas como o ASFA, que non poden ser recoñecidos por trens doutros países que entren na rede española. Por iso estase a implantar progresivamente o sistema de control único europeo ETCS, que no seu nivel 1 dispón dun modo de transmisión da información moi semellante ao ASFA (transmisión puntual de información), aínda que as funcións realizadas polo ETCS son tecnoloxicamente máis avanzadas e seguras. Ambos os sistemas son compatíbeis entre si e pódense empregar nunha mesma liña simultaneamente.

ASFA existentes:[2]

  • ASFA "clásico" (apto até 160 km/h).
  • ASFA FAP (versión de FGC).
  • ASFA 200 (apto até 200 km/h).
  • ASFA 200 AVE.
  • ASFA dixital

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

O sistema componse de dous equipamentos: un situado xunto a cada sinal e composto principalmente por unha baliza que transmite o estado dese sinal, e un equipo a bordo do tren que o detén se non se actúa conforme os sinais.

As balizas sitúanse no eixo da vía, entre os dous carrís, uns 5 metros antes do sinal e protexidas por unha cuña -xeralmente de madeira- a cada lado que fan ás balizas ASFA facilmente identificábeis. Transmiten pasivamente unha radiofrecuencia determinada entre 55 kHz e 135 kHz segundo o estado do sinal ao que acompañan. Estas balizas teñen a capacidade de transmitiren en 9 frecuencias diferentes, cada unha delas indica un estado do sinal adxacente, porén tan só se empregan 5 indicacións:

Nome Frecuencia Indicación[3]
L1 60 kHz Anuncio de parada ou semellante
L2 64 kHz Vía libre condicional
L3 68,3 kHz Vía libre ou paso a nivel protexido
Nome Frecuencia Indicación
L7 88,5 kHz Próximo sinal en parada
L8 95,5 kHz Parada
Alarma 99,3 kHz Erro

Para evitar que un tren exceda un sinal de parada non abonda con que o tren realice unha parada de emerxencia se excede a baliza, porque a distancia de freada levaría ao tren a se deter unha vez superado o sinal pechado. Por iso, en sinais que poden indicar parada se sitúa unha segunda baliza, denominada «baliza previa», uns 300 m antes do sinal. É obrigatorio que ao pasar pola baliza previa o tren reduza a súa velocidade por baixo dun valor que depende do tren, xeralmente 60 km/h, como indicación de que o tren se está a preparar para se deter ante o sinal pechado.

Equipo no tren

[editar | editar a fonte]

O tren dispón baixo o bastidor dun captador, situado na parte dianteira e á dereita no sentido da marcha. O captador dispón dun oscilador que oscila a unha determinada frecuencia, e que ao pasar sobre a baliza pasa a oscilar á frecuencia de resonancia do circuíto da baliza. Isto permite, en comparación cunha antena que sinxelamente detecte unha frecuencia emitida, evitar a necesidade de que a baliza reciba alimentación eléctrica de forma continua.

A frecuencia obtida envíase a un armario de control. En cabina, actívase un sinal luminoso e en ocasións acústico que indica o estado do sinal. O axente de condución debe confirmar en menos de 3 segundos premendo un botón que entendeu o sinal. Se o sinal indicaba algunha limitación, o tren debe comezar a se adaptar á limitación nun tempo determinado ou se producirá unha freada de emerxencia. A freada de emerxencia prodúcese directamente se a baliza superada indicaba parada, ou se unha baliza previa indicaba próximo sinal en parada e a velocidade á que se circula é superior á que se precisa para deter o tren.

De se producir a freada automática do tren, o maquinista non pode recuperar o control até que o tren se encontre completamente detido e se complete un proceso de rearmado manual.

  1. "Declaración sobre la red". www.adif.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2018. Consultado o 2018-09-27. 
  2. "ASFA - Ferropedia". www.ferropedia.es (en castelán). Consultado o 2018-09-27. 
  3. "Baliza ASFA y caja de conexiones". Logytel (en castelán). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]