Antonio de Saavedra y Jofré
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de febreiro de 1777 Valencia, España |
Morte | 13 de febreiro de 1842 (65 anos) Xénova, Italia |
Actividade | |
Ocupación | funcionario |
Partido político | Absolutismo na Espanha (pt) Carlismo |
Antonio de Saavedra e Jofré, nado en Valencia o 1 de febreiro de 1777[1] e finado en Xénova o 13 de febreiro de 1842,[2] VII conde de Alcudia, foi un nobre e político e diplomático español. Ostentou o cargo de Secretario de Estado e de Despacho Universal de España dende o 20 de xaneiro de 1832 até o 1 de outubro do mesmo ano.
Foi conde da Alcudia, conde de Gestalgar, barón de Albalat de Segart[3], Ayodar, Canet de Berenguer, Estivella, Beselga, Montalt, Villamur, Torralba, Fuentes e Berlinches.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]Casou en varias ocasións. A primeira coa súa sobriña Patrocinio de Saavedra y Roca Jofré y Carroz[4] que morreu en 1817 sen sucesión, polo que seu marido herdou os señoríos da casa de Saavedra: foi VII Conde de la Alcudia, Señor de Albalat de Segart, Ayodar, Canet de Berenguer, Estivella, Beselga, Montalt, Villamur, Torralba, Fuentes e Berlinches[5].
En 1818, casou en segundas nupcias con Sinforosa Frígola y Mercader Xatmar y Caro[4] herdeira, entre outros, do Condado de Gestalgar e coa que tivo 5 fillos (Antonio, Joaquina, Atalia, María de la Encarnación y Josefa de Saavedra y Frígola).[5]
En novembro de 1834, en Viena, casou en terceiras nupcias cunha irmá da súa segunda esposa, Mª de la Concepción Josefa Frigola y Mercader,[4][6] coa que tivo tres fillos máis (Carolina, Diego e Manuel).[7]
Política
[editar | editar a fonte]Ingresou na Armada na que conseguiu o emprego de Tenente de Fragata.[8]
En 1792, ingresou na Real Academia, e pasou pouco despois ao Servizo diplomático no que desempeñou cargos en diversas misións como, en 1823, ministro plenipotenciario perante a corte dos Tsares de Rusia, e en Londres (1826).
Tralo falecemento de Manuel González Salmón, o 20 de xaneiro de 1832, asumiu o cargo de Secretario de Estado de España como interino. No entanto, non o ocuparía até un mes despois, tempo durante o cal exerceu Francisco Tadeo Calomarde, co cal se aliou contra o ministro de Facenda, o reformista López Ballesteros. Tamén interveu nos sucesos da Granxa e convenceu a Fernando VII para o derrogamento da Pragmática Sanción.[9] Ao cambiar o rei de opinión, foi substituído por Francisco Cea Bermúdez e nomeado embaixador en Londres pero renunciou e pediu permiso para marchar a Italia.
Dende Italia, co permiso do goberno marchou a Viena onde, en segredo, fora nomeado polo pretendente Carlos Mª Isidro como embaixador del para conseguir apoios entre as potencias absolutistas. Ao sospeitar o goberno, chamouno a Madrid mais negouse o que provocou a confiscación dos seus bens o 25 de maio de 1835.[9]
Sostivo economicamente a causa carlista con varias cantidades de cartos e, durante a primeira guerra carlista, hospedou o pretendente nas súas posesións de Albalat.[9] Tras perde-la guerra, en 1839, foi dos poucos que acompañaron a D.Carlos ao exilio, onde morreu en Xénova tres anos máis tarde.
Trala súa morte, os seus fillos, recuperarían as propiedades.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Caridad (2012), p.164
- ↑ Caridad (2012), p. 2016
- ↑ "Títulos nobiliarios españoles". compactgen.com/. Arquivado dende o orixinal o 16-04-2016. Consultado o 12-02-2018.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Saavedra Jofré, Antonio de (1765-1842)". Archivo General Región de Murcia. Consultado o 12-02-2018.
- ↑ 5,0 5,1 "Personajes". Antropología – Camp de Morvedre. Arquivado dende o orixinal o 13-02-2018. Consultado o 12-02-2018.
- ↑ Sánchez (1997); pp. 53-54
- ↑ "Saavedra. Condes de Alcudia y de Gestalgar, Barones de Albalat y de Canet". abcgenealogia.com. Arquivado dende o orixinal o 28-01-2010. Consultado o 12-02-2018.
- ↑ Sánchez (1997), p. 53
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Caridad (2012); p.165
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caridad Salvador, Antonio (2012). "Los carlistas de Valencia. La reacción en una ciudad liberal (1833-1840)". Brocar: Cuadernos de investigación histórica (36): 161–183. ISSN 1885-8309.
- Sánchez Medrano, Francisco José (1997). El Palacio de los Saavedra: metamorfosis de un edificio del s. XVII. Murcia: Servicio Publicaciones Universidad de Murcia. ISBN 84-7684-811-0.