Saltar ao contido

Ano bisesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Calendario de peto sueco de 2008 no que, por ser bisesto, figura un 29 de febreiro.

O ano bisesto é aquel que posúe un día a máis cós anos comúns. O obxectivo é manter o calendario utilizado en sincronía cos eventos estacionais relacionados coas estacións do ano. No caso do calendario gregoriano, asígnaselle 1 día extra cada 4 anos no mes de febreiro, que pasa a ter 29 días (e o ano 366 días) en vez de 28 como nos anos comúns de 365 días, co fin de equilibrar a duración do ano solar co calendario.

Causa dos anos bisestos

[editar | editar a fonte]

Período de translación terrestre

[editar | editar a fonte]

A razón de que existan anos bisestos é que a Terra non tarda exactamente 365 días en dar a volta arredor do Sol, senón que tarda aproximadamente 365,25 días solares (1 ano trópico) (*). Pero como o ano común ten 365 días solares exactos, ese sobrante anual dunhas 6 horas representa case 1 día cada 4 anos, que se lle engade ao mes de febreiro por motivos históricos.

(*) a duración do ano trópico é lixeiramente menor (365,242190) e varía de ano en ano.

Razóns para corrixir o desfasamento

[editar | editar a fonte]

Se non houbese anos bisestos, as estacións do ano anticiparíanse gradualmente co pasar dos anos, debido á falta de sincronía entre o ano trópico e o ano estacional, ocasionando confusións en sectores como a agricultura. De feito iso aconteceu e foi a razón do paso do calendario xuliano ao calendario gregoriano.

Como saber se un ano é bisesto

[editar | editar a fonte]

No calendario gregoriano, o ano bisesto é aquel que é múltiplo de 4, excepto os múltiplos de 100 (que non son bisestos) que non sexan múltiplos de 400.

  • Son polo tanto bisestos:
  • Os múltiplos de 4 e non múltiplos de 100: 1996, 2004, 2008 e 2012
  • Os múltiplos de 400: 1600, 2000, 2400
  • Non son bisestos:
  • Os múltiplos de 100 e non de 400: 1700, 1800, 1900 e 2100

Calendario xuliano

[editar | editar a fonte]

O calendario xuliano, implantado en 45 a. C. por Xulio César, tiña unha regra similar, aínda que máis simple que a actual, para definir os anos bisestos. Serían bisestos, sen excepción, todos os anos múltiplos de 4. A regra foi respectada ata o ano 1582, ano da implantación do calendario gregoriano. Entre 45 a. C. e 12 d. C. os anos bisestos existiron mais seguían outro mecanismo. Dese xeito, a duración media dun ano segundo o calendario xuliano (Tx) en días solares é:

  • Tx = 365 + 1/4 = 365,25

Como a duración media do ano no calendario xuliano (Tx) é maior que a duración do ano trópico, para que se manteña o axuste entre o ano estacional e o ano trópico, esa diferenza de 0,00781 día trae a necesidade de retirarmos 1 día do calendario anual a cada 128 anos. Polo tanto esa fórmula de corrección do ano bisesto acaba causando, a longo prazo, atrasos nas estacións do ano, ao contrario do que ocorrería se nada fose feito.

  • Anos para axuste de 1 día = 1 / 0,00781 = 128 anos

A pesar da existencia dese problema nada se fixo para corrixilo ata o 1582.

Calendario gregoriano

[editar | editar a fonte]

En 1582 o Papa Gregorio XIII implantou o calendario gregoriano. O obxectivo foi corrixir o atraso acumulado. Definiuse que o axuste debería ser feito de forma que o equinoccio de marzo caíse no día 21 daquel mes, o que estaba en conformidade co Primeiro Concilio de Nicea (ano 325). A verdade é que esa definición do equinoccio de marzo foi tamén en consonancia coa vontade da Igrexa católica de definir a conmemoración da Pascua cristiá en data diferente da Pascua xudaica (Pesach).

Entre 325 e 1582 pasaron 1257 anos, co cal acumuláronse, despois de 1257 anos, aproximadamente 10 días (9,82 días) de desfasamento. Polo tanto, en 1582, na transición entre os calendarios xuliano e o gregoriano, o día 4 de outubro foi seguido polo día 15 de outubro. Eses 10 días elimináronse do calendario daquel ano.

Estableceuse para o calendario gregoriano que serían bisestos todos os anos múltiplos de 4, excepto se fose múltiplo de 100. Os múltiplos de 400 tamén son bisestos. Na práctica iso significa que hai 97 anos bisestos a cada 400 anos. Polo tanto a duración media dun ano de acordo co calendario gregoriano (Tg) é:

  • Tg = 365 + 1/4 - 1/100 + 1/400
  • Tg = 365 + 97/400
  • Tg = 365,2425

Entón a diferenza entre 1 ano trópico e un ano gregoriano (Tg) é:

  • Dg = ano trópico - Tg
  • Dg = 365,242190 - 365,242500
  • Dg = - 0,00031

Ou sexa, aínda hai un erro mais é moito menor que o proporcionado polas regras do calendario xuliano. Nesa nova regra adoptada polo calendario gregoriano o erro de 1 día de atraso ocorre só despois de máis de 3000 anos.

A orixe do nome bisesto

[editar | editar a fonte]

A orixe do nome bisesto ten relación co antigo calendario romano. Os romanos adoptaban nomes para os días. O primeiro día de cada mes chamábase Calendae. Os últimos días dun mes eran nomeados en relación a canto tempo faltaba para o primeiro día do mes seguinte. Así, o 7.° día antes do Calendae de marzo, o 6.° día antes do Calendae de marzo, o 5.° día antes do Calendae de marzo e así en diante. Na verdade non existía un 2.° día antes do Calendae. Iso ocorría de acordo co sistema de conta usado polos romanos o propio Calendae era o primeiro día. Entón o día antes do Calendae e o 2.° día antes do Calendae significaban a mesma cousa. Na práctica, facendo un paralelo entre o sistema usado polos romanos e o actual, o final do mes de febreiro presentaríase da seguinte forma:

7.° día antes do Calendae de marzo = 23 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 24 de febreiro
5.° día antes do Calendae de marzo = 25 de febreiro
4.° día antes do Calendae de marzo = 26 de febreiro
3.° día antes do Calendae de marzo = 27 de febreiro
o día antes do Calendae de marzo = 28 de febreiro
Calendae de marzo = 1° de marzo

O calendario romano tiña unha peculiaridade: case sempre era necesario incluír un mes extra ou períodos variables de inverno para rematar o ano cun número de días arredor de 365. Na época da adopción do calendario xuliano, o romano tiña 355 días por ano, sen contar os extras. Cada 2 anos era necesario incluír un mes chamado Intercalaris de 22 ou 23 días para minimizar os problemas de sincronía deste sistema coas estacións do ano. Retrocedendo algúns séculos na historia, na época da introdución do calendario romano, ese mes extra estaba entre o 7° e o 6° día antes do Calendae de marzo pois nesta primeira versión, marzo era o primeiro mes do ano e os meses de xaneiro e febreiro non existían. Nada máis natural que colocar o Intercalaris antes do inicio do ano (equivalente a despois da fin do ano). Mesmo despois da primeira reforma do calendario romano que incluíu os meses de xaneiro e febreiro, o mes extra continuou antes do mes de marzo, dentro de febreiro. Xulio César, ao crear o seu calendario, mantivo o patrón para o día extra do ano bisesto, dobrando o entón chamado 6° día antes do Calendae de marzo. Facendo novamente un paralelo entre o calendario romano e o sistema actual, incluíndo o día extra do ano bisesto, temos:

7.° día antes do Calendae de marzo = 23 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 24 de febreiro
6.° día antes do Calendae de marzo = 25 de febreiro
5.° día antes do Calendae de marzo = 26 de febreiro
4.° día antes do Calendae de marzo = 27 de febreiro
3.° día antes do Calendae de marzo = 28 de febreiro
o día antes do Calendae de marzo = 29 de febreiro
Calendae de marzo = 1 de marzo

O sexto día antes do Calendae duprícase. Por iso o nome é bisesto. E iso tamén explica o motivo de que o día extra do mes de febreiro sexa o 24.° e non o 29.°. Mais trátase de curiosidade histórica pois nin mesmo a igrexa católica segue esta convención actualmente. De feito, o día adicional é o 29.°.

Alternativas

[editar | editar a fonte]
  • Na década de 1920 as igrexas Ortodoxas do leste Europeo crearon un mecanismo diferente para determinar os anos bisestos. Substituíron o "divisible por 400 é bisesto" por "os anos que divididos por 900 presentaren resto da división igual a 200 ou 600 son bisestos". Iso significa que os anos de 1900, 2100, 2200, 2300, 2500, 2600, 2700, 2800 son comúns (non bisestos) e os anos 2000, 2400 e 2900 son bisestos. Iso non crea conflitos co resto do mundo ata o ano 2800. Na práctica significa que hai 218 anos bisestos por cada 900 anos, o que fai que a duración media do ano nese sistema sexa de 365,24222 días (365 + 218/900), o que é máis preciso que o adoptado polo calendario gregoriano.
  • O calendario gregoriano posúe 970 anos bisestos cada 4000 anos. Hai estudosos que defenden unha regra na cal haxa 969 anos bisestos en cada 4000 anos (365,24225). A media ficaría máis próxima da duración do ano trópico que no actual modelo. A regra consiste en excluír os anos múltiplos de 4000 como se fosen bisestos. Así como o método suxerido polas igrexas Ortodoxas do Leste Europeo, ese sistema é compatible co actual por moito tempo, ou sexa, pódese postergar ata preto do ano 4000 do calendario gregoriano para debater o asunto.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]