Aleksandr Kalinin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Александр Калинин
(Aleksandr Kalinin)
Patriarca da Igrexa vello-ortodoxa rusa
Biografía
Nacemento25 de novembro de 1957 en Volgogrado, RSFS de Rusia
Ordes
Ordenación sacerdotal6 de decembro de 1987
Consagración episcopal8 de febreiro de 1996, por Aristarkh Kalinin
Patriarca de Moscova e de toda Rusia
2000 - actualidade
PredecesorAristarkh Kalinin

Aleksandr (en ruso: Александр), nado como Avdei Diomidovich Kalinin (en ruso: Авдей Диомидович Калинин), nado o 25 de novembro de 1957 en Volgogrado (RSFS de Rusia), é un bispo da Igrexa vello-ortodoxa rusa, dirixente da mesma dende o 9 de maio de 2000; o 3 de marzo de 2002 foi elevado ao rango patriarcal, co título de «patriarca de Moscova e de toda Rusia».

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de vellos crentes, da que saíran varios xerarcas da Igrexa ortodoxa do vello rito rusa. En 1977 graduouse pola Escola Técnica Ferroviaria de Volgogrado, e entre 1977 e 1979 fixo o servizo militar. Traballou durante varios meses, e posteriormente entrou no seminario teolóxico de Moscova, graduándose en 1983. Continuou os seus estudos na Academia Teolóxica de Moscova, da que se graduou en 1986 cun traballo dedicado ao metropolita de Moscova Cibrán.

A partir do 1 de setembro de 1983 foi secretario persoal do arcebispo Gennadii Antonov. O 11 de xaneiro de 1987 foi tonsurado monxe, tomando o nome de Aleksandr. O 14 de xaneiro do mesmo ano foi ordenado diácono, e o 6 de decembro foi ordenado sacerdote. En outubro de 1988 foi impulsor da canonización dos mártires seguidores de Avvakum Petrov e doutros vellos crentes do século XVII pola Igrexa vello-ortodoxa rusa.

En 1990 foi nomeado reitor da Escola Telóxica Vello-Ortodoxa de Novozybkov. O 15 de abril de 1992 foi nomeado abade do mosteiro da Santa Trindade de Kamenka. O 21 de setembro do mesmo ano foi elevado o rango de arquimandrita.

Episcopado[editar | editar a fonte]

O 8 de febreiro de 1996 foi consagrado bispo titular de Briansk-Zlynkovskii polo arcebispo de Novozybkov Aristarkh Kalinin e polo bispo de Homieĺ Varnava Edigarev. En xuño do mesmo ano foi nomeado bispo auxiliar de Aristarkh Kalinin e transferido a Moscova, onde se converteu no xestor da eparquía.

Primado[editar | editar a fonte]

Logo do pasamento de Aristarkh, o 7 de maio de 2000 foi elixido o seu sucesor, e entronizado o 9 de maio. En agosto do mesmo ano, tomou a decision de trasladar a catedral dende Novozybkov a Moscova. En 2002 foi elevado ao rango patriarcal, co título de patriarca de Moscova e de toda Rusia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]