Aldan-Maadyr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento diante do Museo Nacional de Tuva, que leva o nome de Aldan-Maadyr

Aldan-Maadyr (literalmente Sesenta Heroes) foi unha rebelión armada contra o poder Qing que se desenvolveu entre 1883 e 1885 en Tuva. Malia o seu fracaso xogou un papel fundamental na formación dunha conciencia nacional entre os tuva.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O levantamento ocorreu entre 1883 e 1884 no val do río Khemchik e dirixiase contra dos oficiais chineses e mais os grandes propietarios de rabañadas[1] e tiña como líderes os arats (pegureiros) Sambazhik e Kozhagar-Kombulday e mais o funcionario local Dazhimaa. Estímase en 300 o número total de participantes.

Os rebeldes pretendían liberar os dous kozhuun (literalmente bandeira, división administrativa da época feudal) con maior poboación de Tuva do poder dos funcionarios tuva ao servizo do conquistadores manchú-chineses e das forzas militares destes últimos. Asaltaban os señores feudais e comerciantes para lles roubaren o gando e repartilo logo entre os pobres. No outono de 1884 o xefe (amby-noion) mobilizou a poboación do resto dos kozhuun onde non houbera revolta. Un destacamento punitivo de 300 homes, enviado polo Imperio Qing e dirixido por Tarluk, trasladouse a Sug-Aksy para reprimir a sublevación.

En novembro de 1884 suprimiuse completamente a insurrección, os chineses levaron a todos os prisioneiros a Chyrgaka e alí sufriron torturas. En marzo de 1885 as autoridades executaron a 43 dos principais participantes na rebelión na cidade mongol de Uliastai. As súas cabezas trasladáronas a Tuva para expoñelas en postes nas beiras das estradas e pasos para intimidar a poboación local.

Legado[editar | editar a fonte]

A imaxe dos 60 heroes converteuse nunha icona tuva, un punto destacado da historiografía e na literatura poetizouse en moi diversas ocasións, tornando nun símbolo de solidariedade nacional. Unha das localidades de Tuva recibiu o seu nome en homenaxe aos participantes. Á memoria do alzamento dedícanse varias composicións escultóricas e son habituais a celebración de actos e conferencias nos centros de ensino de Tuva sobre o levantamento[2] e adoita conmemorarse publicamente o seu aniversario[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vasilev, D. (2005). "The Sayan-Altain Mountain Region and South-Eastern Siberia". En Chahryar Adle. History of Civilizations of Central Asia: Towards the Contemporary Period: From the Mid-nineteenth to the end of the Twentieth Century. UNESCO. p. 334-335. 
  2. "Алдан-Маадырларга алдар болгаш хүндүткел". rtyva.ru. 26 de setembro de 2013. 
  3. "Тыва Республиканың Баштыңы Шолбан Кара - оолдуң Алдан - Маадырларның тура халышканындан бээр 130 чыл оюнга байыр чедириишкини". rtyva.ru. 19 de setembro de 2013.