Saltar ao contido

Lingua ahom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ahom»)
Alfabeto ahom

O ahom é unha lingua extinta, da familia tai, que falaban os tai ahom[1] no alto Assam, India. ISO/DIS 639-3: aho.

Características

[editar | editar a fonte]

Actualmente calcúlanse entre 1[2] e 8 millóns[3] de assameses de orixe tai ahom no Val do Bahmaputra, aínda que non todos se recoñecen como tales.

A lingua extinguíuse entre o século XVIII e comezos do XIX, a fins do século XIX comezou un movemento para a recuperación da lingua e da identidade ahom. A Ban Ok Pup Lik Mioung Tai (Asociación Literaria dos Tai Orientais) é a principal asociación de promoción da lingua coas súas clases e publicacións.

O alfabeto ahom que deriva do brami, conta con 41 letras, 18 vogais e 23 consoantes.

Escrita e literatura

[editar | editar a fonte]

O alfabeto ahom que deriva do brami, conta con 41 letras, 18 vogais e 23 consoantes.
Os reis ahom estableceron un xénero literario único na India, a crónica en prosa (buranji), ata o século XVII en lingua ahom

A lingua ahom orixinouse no Yunnan, no suroeste da China, dende alí emigraron ata o norte de Birmania. En 1228[4] os tai ahom invadiron e conquistaron o val baixo do Brahmaputra, gobernando Assam ata o século XVIII dende Sibsagar, a súa capital, o ahom foi a lingua da corte ahom ata o século XVII, logo o assamés ocupou o seu lugar. O ahom só se mantivo para a escrita de textos relixiosos e utilízano uns poucos deodhais para as súas cerimonias relixiosas [5] pero sen comprenderen gran parte dos textos [6]

O primeiro estudo sobre o ahom fíxose para o volume II do Linguistic Survey of India (1903), pero o informante Golap Chandra Barua malia coñecer a escrita ahom era incapaz de descifrala e inventou os rudimentos da lingua que aparecían nese estudo [7], que serviu de guía para diversos traballos como o Ahom-Assamese-English Dictionary publicado polo propio Barua en 1920, tamén el traduciu os buranji ahom ao inglés en 1930, aínda que con todo aprendera léxico do shan, do grupo do ahom, a súa versión está chea de erros produto do descoñecemento da lingua.

Intentos de revitalización

[editar | editar a fonte]

Na década de 1960 apareceu un movemento que reinvicaba a identidade tai ahom, ata aquel momento considerada só parte do pasado, nun primeiro momento este movemento centrouse en recuperar o seu uso nalgúns rituais dos tai ahom, como o do matrimonio (chaklong), cerimonias relixiosas, a demanda dirixida ao primeiro ministro da India en 1968 de creación dun Estado Ahom que incluiría os distritos de Sibsagar e Lakhimpur, o aumento das relacións culturais con Tailandia. A partir de finais da década de 1980 apareceu o interese por revitalizar a lingua, en 1987 Nomal Chandra Gogoi publicou The Assamese English Tai Dictionary, no que o tai aparecía escrito na escrita ahom.[8]. A Ban Ok Pup Lik Mioung Tai fundada en 1987 publicou uns poucos libros e folletos nunha versión moderna do ahom como Kham Seng (1992) e a primeira obra literaria do ahom moderno Moang Fi (1993), que recolle trece cancións.[9]

  1. Termo cuñado en 1968 por Padmeshwar Gogoi, historiador da Universidade de Guwahati, na súa obra Tai and the Tai Kingdoms with a Fuller Treatment of the Tai-Ahom Kingdom in the Brahmaputra Valley.
  2. Maya Bradley Language Endangerment and Language Maintenance: An Active Approach, Routledge, 2002, páxina 100
  3. Ethnologue
  4. The Cambridge Economic History of India, Cambridge University Press, 1983, páxina 92
  5. Yasmin Saikia Fragmented Memories:Struggling to be Tai-Ahom in India, Duke University Press, 2004, páxina 22
  6. Terwiel. Recreating the Past: Revivalism in Northeastern India. Bijdragen - Journal of the Royal Institute of Linguistics and Anthropology, 1996, 152:284
  7. Terwiel e Wichasin Tai Ahoms and the Stars: Three Ritual Texts to Ward Off Danger, SEAP Publications, 1992, páxina 3
  8. Terwiel e Wichasin Tai Ahoms and the Stars: Three Ritual Texts to Ward Off Danger, SEAP Publications, 1992, páxinas 5 e 6
  9. Chow Nagen Hazarika. Ahom Language: Its typology, language contact and historical implications in Southeast Asian languages, Eleventh Annual Meeting of the Southeast Asian Linguistics Society, 2001

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]