Saltar ao contido

Agreanas, Baio, Zas

Agreanas
ParroquiaBaio
ConcelloZas
Coordenadas43°09′10″N 8°58′13″O / 43.152653143129, -8.9703662227143
Poboación14 hab. (2024)
[ editar datos en Wikidata ]

Agreanas é un lugar da parroquia de Baio no concello coruñés de Zas da comarca da Terra de Soneira. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 14 habitantes (6 homes e 8 mulleres)[1].

Demografía

[editar | editar a fonte]

Todo parece que Agreanas non foi un lugar habitado até comezos do século xx, senón un microtopónimo referido ás leiras que quedaban ao oeste de Baio Pequeno e ao sur da igrexa parroquial de Santa María de Baio. Seguramente por isto non se cite nin no Diccionario geográfico-estadístico de Pascual Madoz (1845-1850), nin nos nomenclátores de 1860, 1888 e 1920, nin tampouco na Geografía General del Reino de Galicia de Carré Aldao (c. 1928). Aparece pola primeira vez como entidade de poboación no censo de 1930.

Non obstante, aínda na actualidade, á veciñanza baiesa élle difícil de diferenciar este lugar do da Braña. De feito, Francisco Romero Lema, filólogo natural da zona, escribía no seu inédito Toponomástica, dedicado á toponimia baiesa (c. 1970) que Agreanas "también se llama Braña". Segundo o concello de Zas, as casas pertencentes ao lugar de Agreanas son as tres ou catro vivendas situadas máis ao oeste, polo camiño do Mosquetín (Salto, Vimianzo)[2].

Na seguinte gráfica pode verse como evolucionou a poboación do lugar desde 1930 até a actualidade:[1][3]

Gráfica de evolución de Agreanas entre 1930 e 2024

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Descoñécese se a primeira parte do topónimo fai referencia ao nome común galego agro (do latín agru 'terreo cultivado') ou de agra (do latín agra 'grande extensión de terra de cultivo dividida en leiras ou agros de distintos donos', plural de agru). A segunda parte parece proceder de Iōhannis, xenitivo do nome persoal latino Iōhannēs ou Iōannēs, que daría lugar ao nome galego Xoán. Por tanto, o seu étimo semella ser agrum Iōhannis 'agra ou agro de Xoán'.

A atestación máis antiga do topónimo está nun foro de Baio Pequeno de 1687, renovado en 1690, propiedade do arquivo particular de Ramón Romar López, onde se fai referencia até en tres ocasións a "la leira de Agreanes", que parece tamén estabelecer unha relación co apelido Eanes 'fillo de Xoán', patronímico formado a partir do nome latino Xoán, xa existente en Galiza na Idade Media. Non se rexistra o topónimo no Catastro de Ensenada (1753), mais si como terra de labradío nas Comprobacións do devandito catastro (1760) como Agraanes, Agreanes ou Agrianes[2].

  1. 1 2 "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 2024". www.ige.gal. Consultado o 2026-01-11.
  2. 1 2 Lema Suárez, Xosé María. "Toponimia de Zas". Real Academia Galega. Consultado o 2026-01-11.
  3. Domínguez Rial, Evaristo; Lema Suárez, Xosé María (2020). "Zas polo miúdo" (PDF). Deputación da Coruña. Consultado o 2026-01-11.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Baio

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Baio no concello de Zas (A Coruña)

Agreanas | Baio | Baio Pequeno | A Braña | A Cacharosa | O Campo do Rollo | O Chamberín | Fornelos | As Pedrisqueiras | Su a Agra

Parroquias de Zas

[editar | editar a fonte]