A compañía clandestina de contrapublicidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A compañía clandestina de contrapublicidade
Autor/aMarilar Aleixandre
CubertaSergio Casas
OrixeGalicia
LinguaGalego
ColecciónLiteraria n.º 151
Xénero(s)Narrativa
EditorialGalaxia
Data de pub.1998
Páxinas215 páx.
ISBNISBN 84-8288-191-4
editar datos en Wikidata ]

A compañía clandestina de contrapublicidade é unha novela escrita por Marilar Aleixandre publicada por primeira vez no 1998. Recibiu o IV Premio Álvaro Cunqueiro de narrativa.

Argumento[editar | editar a fonte]

Na cidade de Vigo comezan a aparecer carteis contrapublicitarios que atacan a empresas. Os obxectivos destes ataques son empresas que abusan do seu monopolio. Ao inicio as mensaxes non son rubricadas, como é a dirixida contra a empresa do metro, que nese momento receitaba non darlle esmolas aos mendigos para que non aumentasen, ou os carteis que apareceron chamándolle ladróns aos bancos, mais nas seguintes campañas o asinante dos carteis era a Kompañía Klandestina de Kontrapublicidade.

O xornal O Eco encárgalle a investigación da Kompañía Klandestina a Seoane e o Guti (Roberto Gutiérrez), unha bolseira e un veterano xornalista, que van enfiando a historia. O Guti, cando estaba pescudando pola noite entre os bares para ver se atopa alguén que saiba algo da Kompañía, é atropelado por un taxi, caéndolle o peso da investigación xornalística a Seoane. Ela diríxese soa cara ao Porto para reunirse cun amigo do Guti que lle axudará á buscar quen imprime os carteis, mais só consegue volver cun nome, Chano Loíño, que razoando deducen que pode referirse a Lon Chaney, un famoso actor de cine de terror. Así pois, acaban indo ao ciclo de cine de terror que fan os xoves na Escola de Industriais.

Mentres tanto a Kompañía Klandestina de Kontrapublicidade non para a súa actividade, atacan unha empresa de automóbiles, cuxos produtos duran moi pouco, van contra Renfe, Telefónica, a eléctrica Enosa...

Tamén "baixo a superficie" seguen pasando cousas. O que está baixo a superficie é o mundo dos sencasa, dos drogadictos e das putas, de xente que tampouco quere irse de alí, como o Mareante, Melanie, o Rei dos Ratos.

Seoane vai o seu día ao ciclo de cine de terror, e acaba coñecendo alí a un rapaz polo que acaba perdendo a cabeza, Bruno. Bruno é fillo de Ricardo Saavedra Míguez, un ex-empresario que estivera no medio do calote do aceite vinte anos antes, a empresa conserveira Patela en vez de empregar aceite de oliva, utilizaba aceite industrial, causando varios mortos ao final.

E así, nesta, a Kompañía Klandestina comeza a atacar ás conserveiras, con lemas como "Que bonito sería... que fose bonito", e acaba saíndo a luz que a conservas Andrade cometía varias ilegalidades que a Kompañía anunciaba. Esta é a mecha que fai estoupar o sarillo, e Ricardo Saavedra acaba morrendo tras recibir un disparo cando, presuntamente, lle estaba roubando na casa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]