ATR 72
ATR 72 | |
---|---|
ATR 72 de Norra | |
Tipo | avión rexional |
Fabricante | ATR |
Primeiro voo | 27 de outubro de 1988 |
Introducido | 27 de outubro de 1989 |
Estado | en servizo |
Produción | 1988 - presente |
Unidades construídas | 1 000 (xullo de 2018) |
O ATR 72 é un avión rexional de curto alcance con dous motores turbohélice construído polo fabricante franco-italiano ATR. Trátase dunha variante alongada do ATR 42 e pode levar 78 pasaxeiros nunha única clase. O número "72" do seu nome é unha referencia á capacidade típica de asentos.
Durante os anos 80 a compañía aeroespacial francesa Aérospatiale e o conglomerado italiano Aeritalia comezaron a traballar conxuntamente nunha nova xeración de avión rexional. Creouse unha nova compañía conxunta, ATR, para desenvolver, fabricar e comercializar o seu primeiro avión de pasaxeiros, que posteriormente foi designado ATR 42. O 16 de agosto de 1984 o primeiro modelo da serie, o ATR 42-300, realizou o seu voo de estrea. A mediados da década desenvolveuse o ATR 72 como unha variante alongada do ATR 42. O 27 de outubro de 1989 Finnair converteuse na primeira aeroliña en operar o tipo. O ATR 72 tamén é usado como transporte corporativo, avión de carga e avión de patrulla marítima.
Ata a data, todos os avións da serie ATR completáronse na liña de montaxe final da xompañía en Tolosa, Francia; ATR beneficiase de compartir recursos e tecnoloxía con Airbus SE, que mantén o 50% da empresa. Desenvolvéronse modelos sucesivos do ATR 72. As actualizacións típicas incluíron unha nova aviónica, como unha cabina de vidro, e a adopción de versións de motores máis novas para ofrecer un rendemento mellorado, como unha maior eficiencia e fiabilidade, e reducións nos custos operativos. O avión comparte un alto grao de similitude co máis pequeno ATR 42, que a mediados de 2023 aínda se mantiña en produción.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]O ATR 72 desenvolveuse a mediados dos anos 80 a partir do ATR 42 co obxectivo de incrementar a capacidade de asentos do seu primeiro modelo.[1] Este novo aparello tiña moito en común co seu predecesor, sendo a súa maior diferenza o aumento de capacidade de 48 a 78 pasaxeiros. Isto acadouse alongando a fuselaxe 4,5 metros, aumentando a súa envergadura, engadindo motores máis potentes, e incrementando a capacidade de combustible un 10%.
O programa ATR 72 foi anunciado o 15 de xaneiro de 1986.[1] O prototipo realizou o seu primeiro voo o 27 de outubro de 1988. O tipo recibiu o seu certificado de aeronavegabilidade o 25 de setembro de 1989, e un mes máis tarde, o 27 de outubro de 1989, Finnair converteuse na primeira aeroliña en poñer o avión en servizo.[1] Dende entón o ATR 72 é montado na mesma liña de produción que o ATR 42, e comparte a maioría dos subsistemas, compoñentes e técnicas de fabricación, apóianse os dous tipos mutuamente para permanecer en produción. Este factor foi moi importante xa que en 2015 o ATR 42 era o único avión rexional do rango dos 50 asentos en produción.[2][3]
Durante os anos 2000, a frota global de ATR chegou aos 10 millóns de voos, cubrindo unha distancia duns 4 000 millóns de quilómetros, e transportando uns 450 millóns de pasaxeiros.[4] A produción de 2007 marcou un novo récord de vendas do programa; un total de 113 novos avións ATR foran encargados durante un só ano.[1] A finais de 2014, ATR recibira 1 000 pedidos do ATR 72 e entregara xa 754.[5] O seu exemplar número 1 000 foi entregado á aeroliña india IndiGo o 17 de xullo de 2018.[6]
Máis desenvolvementos
[editar | editar a fonte]O 2 de outubro de 2007, o CEO de ATR Stéphane Mayer anunciou o lanzamento da serie -600. Os ATR 42-600 e ATR 72-600 contan con varias melloras para incrementar a eficiencia e a fiabilidade, e baixar os custos de combustible e de operación. Aínda que é moi semellante ao anterior modelo -500, a nova serie inclue a adopción de motores PW127M mellorados,[7] unha nova cabina de cristal, e outras melloras menores. O -600 foi certificado en maio de 2011 e o primeiro exemplar da nova serie foi entregado a Royal Air Maroc o 19 de agosto dese mesmo ano.[8]
Dende 2008 ATR participou na iniciativa na iniciativa tecnolóxica conxunta europea Clean Sky. O 8 de xullo de 2015, un demostrador tecnolóxico "verde" ATR 72-600 realizou o seu primeiro voo. Este avión usouse para probar novos materiais compostos para illamento, sistemas de aire acondicionado, sistemas de distribución eléctrica, e modificacións de dispersión de enerxía para avaliar o seu efecto na eficiencia xeral do aparello como contribución á iniciativa Clean Sky.[9] O vicepresidente sénior de enxeñería de ATR Alessandro Amendola indicou que a eliminación de todos os usos do aire sangrado (aire comprimido tomado no interior do motor) foi un obxectivo fundamental no deseño dunha arquitectura totalmente eléctrica, así como na mellora da eficiencia do motor; a minimización dos picos de carga eléctrica tamén foi unha prioridade declarada. En marzo de 2016 houbo unha segunda rolda de voos de proba dedicados a probar toda a arquitectura dos sistemas eléctricos.[10]
A principios de 2017, un ATR 42-600 da aeroliña sueca BRA realizou o primeiro voo do tipo con biocombustible, voando dende Estocolmo ata Umeå cun 45% de aceite de cociña usado como combustible.[11]
Variantes
[editar | editar a fonte]ATR 72-100
[editar | editar a fonte]Comercializáronse dous modelos da serie 100 (-100).
- ATR 72-101
- Variante de produción inicial con portas para pasaxeiros dianteira e traseira e impulsado por dous motores PW124B. Foi certificado en setembro de 1989.
- ATR 72-102
- Variante de produción inicial cunha porta de carga dianteira e unha de pasaxeiros traseira impulsada por dous motores PW124B. Foi certificado en decembro de 1989.
ATR 72-200
[editar | editar a fonte]Comercializáronse dous modelos da serie 200 (-200). O -200 foi a versión orixinal de produción, impulsada por motores Pratt & Whitney Canada PW124B cunha potencia de 2 400 shp (1,800 kW).[12]
- ATR 72-201
- Versión do -101 cun maior peso máximo de engalaxe. Equipado tamén con motores PW124B e certificado en setembro de 1989.
- ATR 72-202
- Versión do -101 cun maior peso máximo de engalaxe, motores PW124B e certificado en decembro de 1989.
ATR 72-210
[editar | editar a fonte]Comercializáronse dous modelos da serie 210 (-210). Son versión da serie -200 con motores PW127 cunha potencia de 2 750 shp (2,050 kW) para conseguir mellores prestacións en condicións de climas quentes e altas altitudes. Os dous modelos diferéncianse nas portas e nas saídas de emerxencia.
- ATR 72-211
- Trátase dun -200 con motores PW127 certificado en decembro de 1992.
- ATR 72-212
- Variante do -211 cunha maior porta de carga certificado tamén en decembro de 1992.
ATR 72-212A
[editar | editar a fonte]Certificada en xaneiro de 1997 e equipada con motores PW127F ou PW127M, a -212A é unha versión actualizada da -210 que usa hélices de seis pas nos motores PW127F, que polo demais son idénticos. Outras melloras son un maiores pesos e unha maior automatización da xestión da enerxía para aliviar a carga de traballo dos pilotos.
- ATR 72-500
- Nome inicial de comercialización do ATR 72-212A equipada con motores PW127F con seis pas en vez das catro de versións anteriores, ou motores PW127M.
- ATR 72-600
- Nome de comercialización do ATR 72-212A con equipamento distinto. A serie -600 anunciouse en outubro de 2007 e o primeiro prototipo, unha conversión dun ATR 72-500, voou en xullo de 2009.[13] Foi certificada en maio de 2011, entregándose o primeiro exemplar en agosto dese ano.[8]
- O ATR 72-600 ten varias melloras. Está impulsado polos novos motores PW127M, que permiten un aumento do 5% da potencia de engalaxe mediante unha "función de aumento" que se usa só cando o requiran as condicións de engalaxe. A cuberta de voo ten cinco anchas pantallas LCD, mellorando o EFIS de versións anteriores. Un ordenador multiúsos (MPC) ten como obxectivo aumentar a seguridade dos voos e as capacidades operativas, e a nova aviónica de Thales proporciona capacidades Required Navigation Performance (RNP). Tamén ten asentos máis lixeiros e compartimentos de equipaxe sobre as cabezas máis grandes. En decembro de 2015 a EASA aprobou unha nova disposición de asentos de alta densidade, aumentando a capacidade máxima de 74 a 78 pasaxeiros.[14]
- No Dubai Airshow de novembro de 2021, ATR estreou o novo ATR 72-600 equipado con motores PW127XT, cun custo de mantemento un 20% máis baixo e un consumo de combustible un 3% menor que o anterior PW127M.[15]
ATR 72MP
[editar | editar a fonte]O ATR 72MP é un derivado do ATR 72-600 desenvolvido por Leonardo para misións de busca e rescate, patrulla marítima, mando e control, comunicacións, computación, intelixencia, vixilancia e recoñecemento (C4ISR).[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Milestones". ATR. 2015-12-09. Archived from the original on 09 de decembro de 2015. Consultado o 2023-07-10.
- ↑ Sheppard, Ian. "ATR Continues To Drive Turboprop Revolution". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ Sheppard, Ian. "ATR Creates Leasing, Asset Management & Freighter Unit". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "ATR Milestones". ATR. 2006-10-17. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2006. Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "ATR Aircraft". web.archive.org. 2016-03-05. Archived from the original on 05 de marzo de 2016. Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "ATR delivers its 1,000th ATR 72". ATR (en inglés). 2018-07-23. Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "Pratt & Whitney Canada PW127M Engine Certified to Power ATR Regional Turboprop Aircraft". Aviation Pros. 2008-03-11. Consultado o 2023-07-10.
- ↑ 8,0 8,1 "ATR delivers its first ATR 72-600s". ATR (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ Polek, Gregory. "ATR’s “Green” Demonstrator Takes Flight". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ Dubois, Thierry. "ATR Studies All-Electric Architecture for Turboprops". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "ATR and Sweden’s BRA perform first ATR biofuel flight". ATR (en inglés). Consultado o 2023-07-10.
- ↑ "ATR 72-200". web.archive.org. 2007-02-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 2023-07-11.
- ↑ "ATR 72-600 startet zum Erstflug - FLUG REVUE". web.archive.org. 2011-10-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2011. Consultado o 2023-07-11.
- ↑ Polek, Gregory. "ATR 72-600 Wins EASA Nod for High-density Cabin". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-12.
- ↑ Buyck, Cathy. "ATR Upgrades Turboprops with New Pratt & Whitney Engine". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2023-07-12.
- ↑ "ATR 72MP - Military Maritime Surveillance". aircraft.leonardo.com (en inglés). Consultado o 2023-07-12.