Saltar ao contido

Hinotori

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «ASTRO-A»)
Hinotori (Astro-A)
Hinotori / Astro-A
TipoObservatorio espacial
OrganizaciónJAXA
Data de lanzamento21 de febreiro de 1981[1]
Foguete portadorMu
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Uchinoura[2]
Duración da misión10 anos
Obxectivo da misiónObservación en raios X
Decaemento11 de xullo de 1991[1]
NSSDC ID1981-017A
Masa188 kg[2][3]

Hinotori (denominado ASTRO-A antes do lanzamento) foi un satélite artificial xaponés que funcionou como observatorio espacial adicado ó estudo do Sol. Foi lanzado o 21 de febreiro de 1981 mediante un foguete Mu desde o Centro Espacial de Uchinoura (antes coñecido como Centro Espacial de Kagoshima), na prefectura de Kagoshima.

Características

[editar | editar a fonte]

Hinotori adicouse ó estudo das erupcións solares durante o máximo solar mediante raios X. Os seus obxectivos eran fotografar as erupcións solares no rango de enerxía entre 10 e 40 keV mediante a modulación duns colimadores rotatorios e facer espectroscopía das liñas de emisión de raios X do ferro altamente ionizado no intervalo de 1,7 a 2,0 ángstroms usando un espectrómetro de Bragg.[2]

Hinotori levaba ademais tres monitores de raios X que rexistraban o perfil temporal e o espectro das erupcións solares no rango entre 2 e 20 keV, así como un detector de explosións de raios Gamma (rango de enerxías de entre 0,9 e 9,0 MeV), un detector de partículas para observar o fluxo de electróns por encima de 100 keV e sondas de plasma para a medición de densidade e temperatura de electróns.[2]

Resultados

[editar | editar a fonte]

Hinotori foi pioneiro na observación de erupcións solares mediante raios X duros.[4] Atopou un novo tipo de erupción que emite raios X duros térmicos cunha forte emisión do Fe XXVI.[5]

Hinotori observou tamén catro explosións de raios gamma entre febreiro de 1981 e xuño de 1982: unha o 21 de xullo de 1981, de 6 segundos de duración; outra o 21 de febreiro de 1982, de 16 segundos; o 26 de febreiro de 1982, de 32 segundos; e o 13 de marzo dese mesmo ano, cunha duración de 80 segundos.[6] Dos catro estoupidos, o do 21 de febreiro e o do 21 xullo tamén foron detectados por PVO, o primeiro tamén polas sondas International Cometary Explorer e SMM, o terceiro por Venera 14 e o cuarto por Venera 13, Venera 14 e SMM.[6]

Durante o ciclo solar 21, as explosións en raios gamma observadas por Hinotori e SMM mostraron unha periodicidade de entre 152 e 158 días.[7] A análise dos espectros de potencia das áreas de manchas solares para o período entre 1980 e 1982 mostran un pico arredor de 159 días, similar ó das erupcións gamma por encima dos 300 keV, das de raios X (152 días), das de raios X duros (158 días) por encima de 30 keV, os datos de erupcións de hidróxeno alfa, e as erupcións en microondas (152 días) para o período entre 1966-1983, pero non mostran periodicidade no número de manchas, o que indica que as áreas de manchas deberían poder usarse como indicadores da actividade solar en lugar de usarse a cantidade de manchas solares.[7]

Hinotori observou oito erupcións solares en raios gamma entre abril de 1981 e xuño de 1982 que contiñan liñas a 2,22 MeV e 4,44 MeV producidas por aceleración de partículas nas que o espectro de enerxía non variaba moito de erupción a erupción. A liña de 2,22 MeV indica fusión na superficie solar, mentres que a de 4,44 MeV prodúcese pola desexcitación de 12C tralas reaccións nucleares 12C(p,p'γ4,438 MeV)12C e 12C(p,2pγ4,444 MeV)11B.[8]

  1. 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Trackin, ed. "HINOTORI (ASTRO A)" (en inglés). Consultado o 13 de xullo de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 NASA (8 de xullo de 2011). "Hinotori" (en inglés). Consultado o 13 de xullo de 2011. 
  3. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Astro A (Hinotori)" (en inglés). Consultado o 13 de xullo de 2011. 
  4. Hudson H, Sato J, Takasaki H (2002). "Coronal hard X-rays and millimeter waves" (en inglés). 
  5. Watanabe T (1984). A Review of HINOTORI Results - Part One - the Soft X-Rays Results In: Proc Japan-France Seminar Active Phenomena Outer Atmosphere Sun Stars. Publie avec le concours Centre National de la Recherche Scientifique et de l'Observatoire de Paris. 
  6. 6,0 6,1 Yoshimori M, Okudaira K, Hirasima Y, Kondo I (1983). "Cosmic gamma-ray bursts observed by the HINOTORI satellite". International Cosmic Ray Conference, 18th, Bangalore, India, 22 de agosto a 3 de setembro de 1983 1: 39–42. 
  7. 7,0 7,1 Verma, V. K.; Joshi, G. C.; Paliwal, D. C. (1992-03). "Study of periodicities of solar nuclear gamma ray flares and sunspots". Solar Physics (en inglés) 138 (1): 205–208. ISSN 0038-0938. doi:10.1007/BF00146205. 
  8. Kozlovsky B, Murphy RJ, Ramaty R (2002). "Nuclear Deexcitation Gamma Ray Lines from Accelerated Particle Interactions" (PDF). Ap J Suppl Ser. 141 (2): 523–541. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2011. Consultado o 13 de xullo de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]