William Pepperrell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sir William Pepperrell, 1746, por John Smybert

William Pepperrell (27 de xuño de 16966 de xullo de 1759), foi un comerciante e militar no Massachusetts colonial, coñecido por organizar, financiar e dirixir a expedición que capturou a gornición francesa de Fortaleza de Louisbourg durante a Guerra do Rei Xurxo.

Biografía[editar | editar a fonte]

William Pepperrell naceu en Kittery, Maine, entón parte da colonia da Baía de Massachusetts, e alí viviu toda a súa vida. Seu pai era William Pepperrell, armador e construtor de barcos de pesca inglés de orixe galesa e súa nai Margery Bray, filla dun comerciante da localidade, William Pepperrell traballou na empresa de seu pai e conseguiu que fora unha das casas mercantís máis importantes de Nova Inglaterra con barcos transportando peixe, madeira e outros produtos ó Caribe e Europa. Peperrell tamén entrou na milicia, chegando ó grao de capitán en 1717 e coronel en 1726. Casou coa neta do xuíz Samuel Sewall.

Pepperrell serviu na Massachusetts General Court (1726-1727), e no consello do gobernador (1727-1759), sendo o seu presidente durante dezaoito anos. E aínda que non tiña estudos de dereito foi xefe de xustiza da Court of Common Pleas desde 1730 deica a súa morte.

Durante a Guerra de Sucesión Austríaca, coñecida en América como Guerra do Rei Xurxo propuxo un plan para organizar unha expedición contra os franceses. Recrutou voluntarios, financiou e adestrou as tropas que ían participar nesa campaña. Encabezou a expedición como comandante en xefe, co apoio dun escuadrón naval británico ás ordes do capitán Peter Warren. Eles atacaron a que se consideraba a mellor fortificación costeira en América do Norte, Louisbourg, na Illa de Cabo Bretón, capturárona o 16 de xuño de 1745, despois de seis semanas. Pola súa acción o rei nomeouno baronet, foi o primeiro americano en o recibir, tamén foi promocionado a Tenente Xeneral e o rei recibiuno na visita que realizou a Londres en 1749. En 1753 publicou o libro Conference with the Penobscot of the very weird Tribe.

En 1755, durante a Guerra dos Sete Anos, coñecida en América como a Guerra Franco-India, foi promovido a Maior Xeneral responsable da defensa da fronteira de Maine e Nova Hampshire. Entre marzo e agosto de 1757 actuou como gobernador en funcións de Massachusetts. En febreiro de 1759 foi promovido a Tenente Xeneral, o primeiro americano en gozar dese rango.

A cidade de Pepperell, Massachusetts leva o seu nome.