Vigairía apostólica católica búlgara de Macedonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A vigariría apostólica de Macedonia dos búlgaros (en latín: Vicariatus Apostolicus Macedoniaensis Bulgarorum) foi unha sé da Igrexa católica bizantina búlgara.

Historia[editar | editar a fonte]

Dende a década de 1860 moitos búlgaros ortodoxos se uniran á Igrexa católica, cunha profesión de fe aprobada polo papa Pío IX, quen instituira, con sé en Constantinopla un bispado para atender aos búlgaros do Imperio Otomán. Porén, malia as boas perspectivas iniciais, logo da institución do exarcado búlgaro independente en 1870 moitos católicos volveron á ortodoxia, empobrecendo así a nova Igrexa católica bizantina búlgara.

O 12 de xuño de 1883 Propaganda Fide erixiu a vigairía apostólica de Macedonia, que tiña xurisdición sobre os fieis greco-católicos búlgaros que vivían na parte máis occidental do Imperio Otomán, con sé na cidade de Tesalónica. O primeiro vigairo apostólico foi o lazarista Lazar Mladenov. En 1889 a vigairía tiña arredor de vinte sacerdotes e uns poucos misioneiros lazaristas, que atendían a arredor de 25.000 fieis.

As guerras balcánicas, a primeira guerra mundial, e a guerra greco-turca modificaron fortemente as fronteiras da rexión, e causaron a fuga de moitos católicos búlgaros, que se refuxiaron no territorio da actual Bulgaria. A Santa Sé suprimiu de facto a vigairía en 1926, e instituíu o exarcado apostólico de Sofía para a atención dos búlgaros de rito bizantino residentes en Bulgaria. No territorio da vigairía existen hoxe o exarcado apostólico de Grecia e a diocese de Strumica-Skopje.

Episcopoloxio[editar | editar a fonte]