Vieiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vieiros era un portal galego de internet que apareceu o 24 de febreiro de 1996 e pechou o 24 de xullo de 2010[1]. Foi o primeiro sitio privado en empregar a lingua galega na rede.

Historia[editar | editar a fonte]

Na primavera de 1995 comezou o traballo de deseño e preparación e Vieiros, que tomou o nome da desaparecida revista do Padroado da Cultura Galega en México, viu a luz o 24 de febreiro de 1996, data que coincidía co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e da primeira emisión da Radio Galega.

Nun comezo era un índice de recursos de interese para Galicia, o que o converteu no primeiro directorio da rede galega. O directorio de rexistros deu o salto a Buscador en 1997, nacendo deste xeito o primeiro buscador galego.

Nun principio os recursos organizábanse tematicamente e tamén contiña a sección A Galería, na que se daba a coñecer a obra e biografía dos artistas galegos. Ademais realizáronse especiais como o do Día das letras galegas. No Nadal de 1996 comezou a súa andaina a sección informativa semanal Cousas, que en 1997 se converteu na páxina principal e xa con periodicidade diaria e incorpora un motor de busca, que foi o primeiro buscador galego e posteriormente aparecen edicións locais, charlas en liña.

Foi dirixido por: Rocío Castro, Anxo Quintela (durante tres anos), María Yáñez (durante 10 meses en 2006) e Ramón Vilar Landeira (dende finais de outubro de 2006 ata o 24 de xullo de 2010).

Dende a súa creación o editor e propietario foi Lois Rodríguez.

O 24 de xullo de 2010, véspera do Día Nacional de Galicia a través dun editorial anúnciase o peche do portal debido a motivos económicos.

Vieiros é importante na historia da comunicación en Galicia por ser fundamentalmente un medio pioneiro en múltiplas iniciativas que logo se habían de espallar a outros medios. Entre elas salientan:

  • Ser o primeiro directorio da rede galega.
  • Ser o primeiro buscador galego.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Até sempre, Vieiros.com.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]