Saab 2000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saab 2000
Tipopasaxeiros
FabricanteSaab
Primeiro voo26 de marzo de 1992
Introducido30 de agosto de 1994
Estadoen servizo
Produción1992 - 1999
Unidades construídas63

O Saab 2000 é un avión turbohélice de pasaxeiros rexional fabricado por Saab. Foi deseñado para transportar entre 50 e 58 pasaxeiros a unha velocidade de cruceiro de 665 km/h. A súa fabricación tivo lugar en Linköping, no sur de Suecia. O Saab 2000 voou por vez primeira o 26 de marzo de 1992 e foi certificado en 1994. O derradeiro exemplar entregouse en abril de 1999, sendo construídas un total de 63 unidades das que en xullo de 2013 aínda quedaban 33 en servizo.

Desenvolvemento e deseño[editar | editar a fonte]

Saab decidiu fabricar o 2000 en decembro de 1988 debido á demanda percibida para un turbohélice de gran velocidade que puidese achegarse ás velocidades dos reactores mantendo a eficiencia proporcionada polos motores turbohélice. A compañía introducira anteriormente o máis pequeno turbohélice bimotor Saab 340. O Saab 2000 first realizou o seu voo de estrea o 26 de marzo de 1992 e entrou en servizo no ano 1994, poucos meses despois da súa certificación pola Joint Aviation Authorities en marzo e pola Federal Aviation Administration en abril.

O Saab 2000 ten unha envergadura un 15% maior que o Saab 340, e ao ser 7,55 m máis longo pode levar ata 58 pasaxeiros. O 2000 foi o primeiro avión comercial en usar os motores Rolls-Royce AE 2100 (entón fabricados por Allison). Os motores están montados sobre as ás, ao igual que no 340, pero situados máis lonxe da fuselaxe para reducir o ruído en cabina.

Historial operacional[editar | editar a fonte]

As vendas do Saab 2000 foron bastante limitadas. O cliente inicial máis importante foi Crossair, unha aeroliña rexional que posuía Swissair cun 56% das accións. Crossair recibiu 34 avións e operou o modelo ata 2005. Debido á demanda limitada, Saab cesou a fabricación do Saab 2000 en 1999, sendo entregado o derradeiro avión a Crossair o 29 de abril dese ano. General Motors operou varias unidades configuradas como avión corporativo e estivo en conversas coa nova aeroliña Pro Air para ter este modelo operando con ela en servizos regulares como Pro Air Express nos Estados Unidos; porén, Pro Air atopouse entón con dificultades financeiras e cesou todas as operacións antes de que chegar a un acordo.

En xuño de 2006, Paquistán completou a compra de seis Saab 2000 para ser equipados co sistema de alerta temperá aerotransportada Saab-Ericsson ERIEYE. Tras novas negociacións co goberno de Paquistán en maio de 2007 só se entregarían cinco avións, sendo equipados co sistema Erieye catro deles. O 3 de abril de 2008 presentouse o primeiro exemplar a oficiais da forza aérea paquistaní nunha cerimonia en Suecia.

Variantes[editar | editar a fonte]

  • Saab 2000: avión rexional de 50–58 asentos.
  • Saab 2000FI: avión de inspección de voo para o Japan Civil Aviation Bureau, dous fabricados.
  • Saab 2000 AEW&C: variante de alerta temperá e control aerotransportado.
  • Saab 2000 Airtracer: avión SIGINT.
  • Saab 2000 MPA: avión de patrulla marítima.