Raith Rovers Football Club

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raith Rovers
Nome Raith Rovers Football Club
Alcume(s) The Rovers
Fundación 1883
Estadio Stark's Park,
Kirkcaldy, Escocia
Inauguración 1891
Capacidade 10.104
Presidente Escocia Turnbull Hutton
Adestrador Escocia Grant Murray
Liga Scottish First Division
2012–13
Páxina web Páxina web oficial
Na casa
Fóra

O Raith Rovers Football Club é un equipo de fútbol escocés, da vila de Kircaldy e que actualmente xoga na Scottish First Division. De longa e recoñecida traxectoria, con diversos títulos, é un dos clubes con máis afeccionados regulares da segunda categoría escocesa. O seu nome procede da batalla de Raith, desputada no ano 596 nalgún lugar ao oeste de Kircaldy, se ben non existe na actualidade ningún poboamento habitado con ese nome.

Historia[editar | editar a fonte]

Se ben houbo un antigo club chamado Raith Rovers que se fusionou co que agora é o Cowdenbeath F.C. en 1882, foi fundada a entidade actual en 1883 en Kircaldy. Ao comezo xogaban no Robbie's Park, pero en 1891 mudáronse ao estadio de Stark's Park onde aínda xogan na actualidade. O club axiña gañou a posición do equipo máis importante da vila, e en 1902 é admitido na Liga escocesa de fútbol. Despois de xogar por varias tempadas na Segunda división, ascende e desputa o seu primeiro partido na Primeira división en 1909.

Logo de décadas xogando en divisións menores, regresa á xa chamada división de honra escocesa de fútbol en 1993, pero descende ese mesmo ano. Na tempada seguinte, xogando en primeira, conseguiu o seu maior título, a Copa da liga ao derrotar o Celtic F.C. na quenda de penaltis (6-5) despois de igualar a dous tantos a final. Ese mesmo ano regresou á división de honra, e como consecuencia de vencer na Copa da Liga, clasificouse por primeira vez na súa historia para xogar en Europa, na Copa da UEFA. Nela derrotou en primeiro lugar os campións feroeses do Gøtu Ítróttarfelag e os islandeses do Íþróttabandalag Akraness, pero caeu en terceira rolda diante do Bayern Múnic, que nesa tempada levaría o título continental. Co diñeiro obtido ese ano, o Raith Rovers remodelou o campo de fútbol, integrando bancadas norte e sur: ao partido de inauguración, celebrado en 1996 convidaron o propio Bayern, o que derrotaron por 1-0.

Axiña o club regresou ás divisións inferiores, onde se mantén na actualidade. Para facer fronte á crise económica, e para loitar contra os promotores inmobiliarios que desexaban mercar o equipo e mais o predio do campo de fútbol, o Raith Rovers iniciou unha campaña de captación pública de capital que finalizou con éxito. Asesorou o proceso Gordon Brown, daquela ministro de economía e na actualidade primeiro ministro británico, que é seareiro do club.

Palmarés[editar | editar a fonte]

O Raith Rovers e Galicia[editar | editar a fonte]

Ao remate da tempada 1921-1922, os xogadores do Raith Rovers remataran terceiros, e foron premiados polo equipo directivo cunha viaxe ás Canarias, onde aproveitarían para desputar partidos amigábeis, o que era un costume dos conxuntos británicos daquel tempo. O barco que o levaba ata as Canarias, o Highland Loch, encallou preto de Corrubedo o 1 de xullo de 1922. O barco foi levado ao porto de Vigo para a súa reparación: presentaba un furado na quilla duns 15 metros de longo por tres de alto, e todos os pasaxeiros rescatados sen problemas. O 2 de xullo partiron de novo cara ás Canarias noutro buque. Os escoceses derrotaron no serán dese día 1 de xullo a un conxunto de fútbol vigués, por 2-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]