Primeira misa en Cabilia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Primeira misa en Cabilia.

Primeira misa en Cabilia é unha pintura ó óleo do pintor francés Horace Vernet (1789 -1863), realizada en 1854[1]. Consérvase no Museo Cantonal de Belas Artes (MCBA) de Lausana, logo de que fose doado en 1959 por Edgar Kaufmann jr. Ten unhas dimensións de 195 x 130 cm.

Características[editar | editar a fonte]

O cadro representa a difusión do cristianismo como parte da lexitimación do imperialismo occidental. A cerimonia que dá título á obra foi celebrada polo Imperio Francés en Cabilia (no sueste de Alxeria) o 14 de xuño de 1853 para conmemorar o vixésimo aniversario da chegada ao país.

A obra foi feita para ser exposta en París como propaganda do Segundo Imperio. Desta a dimensión relixiosa da escena, no momento de glorificar a Deus nun país de infieis. O feito de que a acción ten lugar en África do Norte móstrase na presenza dos spahis e as babouchas en primeiro plano. Canda a eles aparecen os oficiais en posición de repouso e os fusís dos soldados. As miradas concéntranse nas mans entrelazadas do abade e na cruz do altar, ao pé do cal se amorean os tambores da banda militar, nunha clara mostra da espada como elemento evanxelizador. A néboa que esconde parcialmente a cruz manifesta a presenza inmaterial de Deus. Porén, unha visión contemporánea podería interpretala como un veo púdico sobre o masacre levada a cabo contra os pobos indíxenas.

O padre François Régis (1808-1880), abade de Nosa Señora de Staouëli, celebrou a misa nas beiras de Oued-Agrioun. Tras del aparece o padre Thomas de Aquin. Este episodio tivo lugar ao remate da campaña dos Babors, liderada polo Mariscal Randon. Nunha carta escrita por Vernet o 25 de maio de 1854, explica que na obra «O momento que escollín é o da elevación, cando a arma substituíu a campá, e o incenso o fume do po»

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ficha no MCBA de Lausana". Arquivado dende o orixinal o 09-08-2016. Consultado o 30-03-2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]