Portal:Xabarín Club/Grupo destacado/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Def Con Dos é un grupo de música rap e nu metal nado a finais dos anos 80 entre Vigo e Madrid. Nos seus comezos estiveron fortemente influídos por Public Enemy, Beastie Boys e Run DMC, rapeando sobre bases instrumentais de hip hop preparadas por Julián Hernández de Siniestro Total. No disco Segundo Asalto o son seguía sendo basicamente hip hop, pero empezaron a incluír guitarras, que foron acadando maior importancia nos seguintes discos, ata acercarse ó nu-metal.

O nome do grupo fai alusión ó sistema de alertas utilizado polo Pentágono, onde o DEFCON-2 era definido como un estado de axitación global, aínda que sen chegar a enfrontamentos militares entre os países.

Os textos das súas letras e dos manifestos adxuntos nos libretos dos seus discos poden resultar ofensivos, con numerosas referencias á cultura popular: o folclore, as noticias de actualidade, a publicidade, a música, o cine, a literatura, e os tebeos españois e estadounidenses. O seu álbum Armas pal pueblo (1994) é probablemente o primeior disco español en levar unha versión en castelán da etiqueta en branco e negro co texto parental advisory (como a que se engade ós discos de letras fortes nos Estados Unidos). Debido en gran parte ós seus polémicos textos, nos seus inicios Def Con Dos non tiñan moito apoio de grandes medios de comunicación (con excepcións como algúns programas de Radio 3).