Portal:Escocia/Biografía destacada/8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sir Thomas Sean Connery, nado en Edimburgo o 25 de agosto de 1930 e finado en Nassau o 31 de outubro de 2020, foi un actor e produtor de cinema escocés. Foi especialmente coñecido como o primeiro actor en interpretar o personaxe de James Bond nos filmes, protagonizando sete títulos da serie (dende 007 contra o doutor No a Só se vive dúas veces, así como Diamantes para a eternidade e 007: Nunca digas endexamais) entre 1962 e 1983.

Connery apareceu en pequenas producións de teatro e televisión antes dos seus filmes como Bond, cuxo éxito o convertería nun actor de sona internacional. Outros filmes nos que apareceu inclúen Marnie (1964), Asasinato no Orient Express (1974), O home que puido reinar (1975), A Bridge Too Far (1977), Highlander (1986), O nome da rosa (1986), Os intocables de Eliot Ness (1988), Indiana Jones e a última cruzada (1989), The Hunt for Red October (1990), Dragonheart (1996), The Rock (1996) e Finding Forrester (2000). Connery retirouse da actuación no ano 2006. Entre os seus galardóns cóntanse un Óscar ó mellor actor secundario, dous premios BAFTA e tres Globos de Ouro (entre eles un premio Cecil B. DeMille e un premio Henrietta). Nos Estados Unidos, recibiu o premio á traxectoria Kennedy Center Honor en 1999. Connery foi nomeado cabaleiro no 2000 polos seus servizos ao cinema dramático.

Connery foi considerado por unha enquisa de 2004 de The Sunday Herald como "O máis grande escocés vivo", e en 2011, unha enquisa de Euromillóns considerouno o "O maior tesouro nacional vivo de Escocia". Foi escollido pola revista People como o "home vivo máis sexy" en 1989 e o "home máis sexy do século" en 1999.