Portal:Colombia/Artigo destacado/8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC-EP) son un grupo guerrilleiro marxista-leninista de Colombia. Son consideradas un grupo terrorista tanto en Colombia como a nivel internacional. As FARC operan en Colombia e na zona fronteiriza con Venezuela. Participan no conflito armado colombiano dende a súa conformación oficial en 1964 e eran dirixidas por un secretariado de sete membros que estivo baixo o comando de Pedro Antonio Marín, coñecido polos alias de Manuel Marulanda Vélez ou Tirofijo até o seu falecemento en marzo de 2008 por causas naturais. Dende entón, o seu líder en xefe foi Guillermo León Sáenz alias Alfonso Cano até que foi dado de baixa polo Exército de Colombia o día 4 de novembro de 2011. O 15 de novembro, a organización confirmou por medio dun comunicado que o seu novo Comandante en xefe era Rodrigo Londoño Echeverri, alias «Timochenko» ou «Timoleón Jiménez».

As orixes das FARC son anteriores a 1964, ano no que o daquela presidente Guillermo León Valencia decidiu bombardear Marquetalia, un lugar onde estaba asentado un grupo de homes, mulleres e nenos labregos liberais e comunistas. Estes lugares foron denunciados como repúblicas independentes.

As súas accións consistían no narcotráfico, guerra de guerrillas, minaría ilegal, así como técnicas terroristas como a implantación de minas antipersoa, o asasinato de civís, membros do goberno, policías e militares, o secuestro con fins políticos ou extorsivos, atentados con bombas e armas non convencionais (cilindros de gas, animais bomba), actos que provocaron desprazamentos forzados de civís, recrutamento de menores, destrución de pontes e estradas por medio de bombas con dinamita, ademais de destrución de estacións de policía e as casas dos civís que se atoparan preto. Segundo as Nacións Unidas, as FARC e o ELN son responsables do 12 % dos asasinatos de civís do Conflito armado en Colombia.