Portal:Celtas/Lugar de interese/4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Irlanda celta ou Irlanda gaélica corresponde á orde política establecida na illa de Irlanda ata a conclusión da reconquista Tudor de Irlanda. Durante a maior parte deste período, Irlanda foi un mosaico de clans e tribos organizados en torno a catro provincias históricas e que competían continuamente polo control do territorio e os recursos.

A finais do século XII produciuse a coñecida invasión normanda, que situaría a unha parte importante da illa baixo o control da nobreza cambro-normanda. Esta área controlada polos invasores recibiría o nome de Señorío de Irlanda. Porén, durante os séculos seguintes, a Irlanda gaélica recuperaría terreo, ben mediante a conquista, ben mediante a asimilación cultural dos acabados de chegar. A finais do século XV, unicamente unha pequena franxa de terreo en torno a Dublín (coñecida como "Pale") quedaba fóra da influencia gaélica.

Porén, o acceso ó poder da dinastía Tudor en Inglaterra provocaría unha serie de campañas militares para someter a resistencia da nobreza gaélica. En 1541, o Señorío de Irlanda transformouse no Reino de Irlanda, cuxa coroa recaía no rei de Inglaterra e a posterior "Fuga dos Condes" en 1607, significaría a fin da reconquista Tudor da illa e da Irlanda celta propiamente dita.