Partido Pangu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
James Marape, líder dende 2019 do Partido Pangu

O Partido Pangu ou Papua na Niugini Union Pati é un partido político de Papúa Nova Guinea.

Historia[editar | editar a fonte]

O partido fundárono o 13 de xuño de 1967[1] Michael Somare, Albert Maori Kiki, Lucas Waka e Barry Holloway para concorrer ás eleccións á Asemblea Lexislativa de 1968 do entón territorio da ONU baixo tutela australiana e constituíu o verdadeiro primeiro partido político de Papúa Nova Guinea[2], logrou nove membros da Asemblea nas eleccións de 1968 [3]. O partido elixiu como líder a Somare que se configurou como o líder da oposición na Asemblea Lexislativa cunha política de reivindicación do autogoberno interno e do establecemento dunha data para a independencia. Logo das eleccións de 1972 Somare encabezou o goberno como primeiro ministro e dirixiu o país cara á independencia en 1975 e o Pagu continuou a encabezar o goberno ata 1980 cando Julius Chan, líder do Partido Popular Progresista e a forza minoritaria no goberno de coalición, converteuse en primeiro ministro tras gañar unha moción de censura. contra Somare. Despois das eleccións de 1982 Somare volveu dirixir o goberno.

En 1985 o deputado Paias Wingti arredouse do partido para formar o Movemento Democrático Popular e asemade liderou unha moción de censura contra o seu antigo compañeiro de partido, e ao lograr a maioría dos votos da cámara e converterse en primeiro ministro levou ao Pangu á oposición. En 1988 Rabbie Namliu substituíu a Somare como líder do partido e este deixou de baixa para anos despois liderar o Partido Alianza Nacional.

Tras anos de declive nas eleccións de 2002 o Pangu só logrou seis escanos ao o liderado de Chris Haiveta pero converteuse nun aliado da coalición de goberno de Somare e así continuou despois das eleccións de 2007 malia lograr cinco parlamentarios.

Nas eleccións de 2012 só obtivo un escano, o de Ludwig Schulze, que perdeu á súa morte en marzo de 2013[4]. En agosto de 2014 o vicelíder da oposición Sam Basil pasou ao Pangu, fíxose co seu liderado e reactivouno[5] e en agosto de 2015 logrou outro escano ao gañar William Samb unhas eleccións parciais en Goilala Open[6], o que supuxo reforzar a posición do partido cara ás eleccións de 2017 nas que se fixo con nove membros do parlamento. En abril de 2019 James Marape, ministro de finanzas, deixou o Congreso Nacional Popular con outros deputados e deuse de alta no Pangu que se converteu no partido con máis deputados do parlamento e Marape fíxose co posto de primeiro ministro. En outubro dese ano tamén se converteu no novo líder do Pangu[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Somare, Michael (2012). "Papua New Guinea". En Johnstone, Ian e Powles, Michael. New Flags Flying: Pacific Leadership. Huia. 
  2. Fortune, Kate (2000). "Pangu Party". En Brij V. Lal e Kate Fortune. The Pacific Islands: An Encyclopedia. University of Hawaii Press. p. 310. 
  3. "Australian Political Chronicle". Australian Journal of Politics and History 13 (2). 1967. 
  4. "PM, Namah offer condolences". The National. 11 de marzo de 2013. Consultado o 19 March 2017. 
  5. "Basil now new Pangu leader". PNG Post Courier. 20 de agosto de 2014. 
  6. "Pangu Pati candidate wins Goilala". PNG Post Courier. 12 de agosto de 2015. 
  7. "PNG's PM assumes leadership of Pangu Pati". RNZ. 11 de outubro de 2019.