Ourense Envialia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xogadoras do Ourense Envialia, tempada 2022-23.

O Ourense Club de Fútbol, coñecido por motivos de patrocinio como Ourense Envialia, é a sección feminina de fútbol sala do Ourense Club de Fútbol, da cidade de Ourense. Foi creado na tempada 2005/06 da man de Juan Gándara, que foi o primeiro coordinador da sección. Actualmente compite na Primeira división española.

Historia[editar | editar a fonte]

O equipo comezou na categoría provincial, pero despois de proclamarse campión da Liga conseguiu o ascenso á Liga Autonómica Galega.

Na seguinte tempada (2006/07), coa chegada de novas xogadoras e dun novo míster, Gonzalo Iglesias, conseguiron un dos éxitos máis importantes para este novo club, o ascenso á Primeira división de fútbol sala.

A partir da tempada 2007/2008, o equipo mantívose na categoría ata o día de hoxe. Comezaba así unha tempada incrible e esperanzada para o club, na que, pasadas as xornadas, o equipo conseguía a clasificación para a Fase Final da Copa de España e o Premio ao Equipo Revelación. O equipo remataba esta primeira tempada na elite con moito éxito, quedando na sexta praza.

A segunda tempada na elite superábase igualmente con éxito ao estar clasificadas de novo para a Fase Final da Copa de España.

O club fixo historia na tempada 2010/2011 cando, coa axuda de tres internacionais españolas e unha brasileira máis o míster Manuel Castillo, conseguíase o título de Liga, só cunha derrota e un empate. Por primeira vez, Campioas de España.

Nos anos 2011/2012, chegaba a ocupar o banco do primeiro equipo Óscar Vivián. Coa chegada de novas xogadoras, volvíanse sentir orgullosas coa tempada, proclamándose esta vez as segundas no campionato de España.

A Copa Ibérica e a Copa Xunta, pasaron tamén ás vitrinas do club, tras, nesta última, eliminar ao Burela nas semifinais e ao Cidade das Burgas na final.

A pesar de que algunhas tempadas non foron tan brillantes como outras, posto que neste deporte ás veces non sae todo como esperamos, outras, polo contrario seguen sumando para historia do club, conseguindo de novo os títulos da Copa Xunta.

Foi na tempada 2016/2017 cando o Ourense Envialia se proclamaba Campión da Copa de España Feminina, dirixida pola man de José Carlos Martín “Chipi”. Tivo lugar a XXIII Copa de España en Poio, e tras vencer nos cuartos ao Burela e nas semifinais á Universidade de Alacant, chegaron á desexada final contra o Atlético Navalcarnero, campión de Liga. Cun axustado 3-2, o club estreaba o palmarés copeiro e rompía co auxe do conxunto madrileño que gañara o título as tres últimas edicións.

Actualidade[editar | editar a fonte]

Actualmente a sección feminina do club conta con outros equipos na base, como son o Alevín, o Cadete e o Provincial. Ademais contan cun equipo filial en Segunda División Nacional, despois de proclamarse campión da Liga Autonómica na tempada 2017/2018. O filial é o paso previo á chegada do primeiro equipo, no que xa moitas das xogadoras debutaron e participan nos adestramentos.