Mariola (xogo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o xogo tradicional infantil, para o peixe gadiforme véxase Mariola (peixe).
Xogo da mariola.
Transcurso dunha partida da mariola.

A mariola ou peletre é un xogo tradicional infantil, con moi diversas variantes, no que se debuxan unha serie de casas numeradas no chan por onde ten que saltar o xogador, ou os xogadores por orde, despois de guindar un anaco de pedra chamado peletre ou patefa que se arrastra mentres se salta á pata coxa.

Materiais necesarios[editar | editar a fonte]

Para comezar a xogar só se necesita debuxar o campo de xogo e coller unha pedra para poder lanzala e xogar.

Dependendo das zonas, o campo debúxase de diferentes formas. Na zona de Carnota, onde se coñece como pelete, debúxase un terreo de xogo onde se enumeran as casiñas do un ao nove.

Normas[editar | editar a fonte]

  • Para comezar a xogar sortéase cal dos xogadores comeza a partida.
  • Ao principio tírase a china (pedra), na casiña un. Realízase o percorrido como de costume, pero se se tocan as liñas limitantes perderase a quenda e pasará ao xogador contrario.
  • Se a china ou pedra non cae na casiña correspondente, tamén se perderá a vez.
  • Cada xogador poderá tirar cantas veces poida, mentres a pedra non pise a liña ou saia desta.
  • Cando se perde a quenda e posteriormente se volve a xogar, pois xa pasou toda unha ronda de xogadores, empezarase a xogar onde se quedara anteriormente.

Proceso[editar | editar a fonte]

Para comezar, tírase a pedra na casiña un e sáltase á pata coxa, sen pisar na casiña que ten a pedra. Ao chegar ás casiñas divididas con dous números (as casiñas 4 e 5, e as casiñas 7 e 8), porase un pé en cada unha simultaneamente. Ao chegar á derradeira casiña, tamén dependendo das zonas, nunhas remátase o xogo e noutras séguese.