Liña de comandos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A liña de comandos (Command Line Interface, "Interface de Liña de Comandos") é unha forma de interactuar cun ordenador a través de texto, é dicir secuencias de caracteres tecleados.

Pantallazo dunha sesión Bash, tomada de Linux.

Os comandos dánselle ao ordenador utilizando liñas de texto (ou sexa, secuencias de caracteres introducidos por medio do teclado), e a resposta tamén se recibe como texto. As interfaces de liñas de comandos apareceron cando se conectaron os teletipos aos ordenadores na década de 1950. En termos de interacción e resposta inmediata supuxeron un avance en relación ao uso de cartóns perforados.

Co uso dos monitores como dispositivos de interface, foise evolucionando cara ás interfaces gráficas de usuario (GUI), como as coñecidas de Mac OS, X-Window e Windows a partir de 1984.

Porén, unha minoría significativa de usuarios informáticos aínda prefire o uso da liña de comandos, algúns debido a unha discapacidade visual, pero a maioría porque pensan que lles resultan máis produtivas. Utilízannas sobre todo os programadores e máis os administradores de sistemas, especialmente nos sistemas operativos baseados en Unix, así como na enxeñaría e na ciencia e moitos usuarios domésticos con coñecementos técnicos avanzados.

Na súa forma máis simple, unha liña de comandos mostra un indicador ou prompt, o usuario introduce un comando ou mandato e termina o comando coa tecla Enter; o computador executa o comando, fornecendo unha resposta ("saída") en texto. Un programa que fornece esta interface denomínase 'intérprete de liña de comandos, shell ou "consola". Como exemplos, os varios shells de Unix (sh, ksh, csh, tcsh, bash, etc.), o histórico CP/M e o command.com do DOS.

Algúns programas permiten utilizar tanto a GUI como a interface de liña de comandos, como o programa de CAD AutoCAD. Así, o Matlab, un programa de cálculo numérico para enxeñaría e ciencias ofrece unha interface gráfica para algúns cálculos, pero outros só son accesíbeis desde a liña de comandos.

Os comandos que se utilizan son habitualmente da forma:

[faiAlgo] [como] [nosFicheiros]

ou

[faiAlgo] [como] < [ficheiroDeEntrada] > [ficheiroDeSaída]


O "faiAlgo" pódese interpetar como un verbo, o "como" como un adverbio (por exemplo, executar o comando explicando todos os pasos ou só os importantes) e [nosFicheiros] como un obxecto. O '>' do segundo exemplo é un carácter de redirección, que lle indica ao intérprete de liña de comandos que envíe a saída do comando, non á pantalla, senón ao ficheiros que aparece a continuación. Outro carácter de redirección é a "tubería" (pipe, '|'), que indica que se use a saída dun comando como entrada do seguinte.