Illa de Pedrosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Illa de Pedrosa é unha illa española e unha das maiores illas cántabras. Atópase no fondo da baía de Santander, fronte á localidade de Pontejos. Ten 10'4 hectáreas e actualmente está unida a terra firme por unha ponte. Toda ela é un xardín con moitas árbores. Os antecedentes do Sanatorio hai que situalos no ano 1834, data en que se solicitou o establecemento dun lazareto na illa de Pedrosa, ao fondo da baía de Santander, para manter en corentena ás tripulacións de buques afectadas por enfermidades tropicais. O lazareto comezou a funcionar en 1869 pero co tempo transformouse en Sanatorio Marítimo (1909) de carácter nacional para o tratamento de enfermidades óseas e tuberculosas. Máis tarde, en recordo a un dos seus médicos directores, denominóuselle "Sanatorio Víctor Meana". Deixou de funcionar como hospital en 1989. Hoxe en día varias das dependencias insulares foron convertidas polo Goberno cántabro nun centro de rehabilitación de drogodependentes e outros usos.