Identificación biométrica da retina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retina.

O escaneo de retina é unha técnica biométrica que usa os patróns únicos da retina dunha persoa para identificala.

A retina humana é estable dende o nacemento ata a morte. É posible realizar escaneos de retina dende a década de 1930, cando os investigadores suxeriron que cada individuo posúe cadanseus patróns únicos na retina. A investigación foi validada e agora se sabe que a distribución dos vasos sanguíneos na parte traseira do ollo segue un patrón único, distinto entre persoa e persoa. Un escaneo de retina implica o uso dunha fonte de luz de baixa intensidade para ler os patróns dos vasos sanguíneos, obtendo uns datos biométricos moi precisos. Estes datos teñen a maior precisión de tódolos métodos biométricos, estimada en 1:10,000,000

O desenvolvemento da tecnoloxía levou máis tempo do agardado e durante varios anos o proceso de realizar un escaneo de retina medíase en dúcias de segundos. As novas tecnoloxías son capaces de capturaren unha mostra da retina en menos de dous segundos.

Algúns identificadores biométricos, como as pegadas dactilares, poden ser falsificados. Este non é o caso do escaneo de retina. A retina dunha persoa morta decae axiña e non pode ser usada para realizar un escaneo de retina. É por esta razón pola que o escaneo de retina é usada en aplicacións cun alto nivel de seguridade.

Proceso[editar | editar a fonte]

A vasculatura retinal (forma dos vasos sanguíneos da retina humana) é un elemento característico de cada individuo, polo que numerosos estudos no campo da autenticación de usuarios se basean no recoñecemento desa vasculatura.

Nos sistemas de identificación baseados en patróns retinais o usuario debe mirar a través duns binoculares, axustar a distancia interocular e a orientación da cabeza, ollar a un punto determinado e por último pulsar un botón para indicarlle ó dispositivo que se atopa listo para a análise. Aínda deberá agardar entre 10 e 15 segundos mantendo a vista sobre un punto, para que o sistema obteña a mostra. O escaneo realízase utilizando unha radiación infravermella de baixa intensidade en forma de espiral, detectando os nodos e pólas da área retinal para comparalos cos almacenados nunha base de datos.

A estas dificultades para o seu uso, engádese o medo que poden ter moitos usuarios a que o seu ollo resulte danado, co cal é un método que será difícil de aceptar polo público en xeral.

Historia[editar | editar a fonte]

Xa nos anos 30 do século XX algunhas investigacións suxerían que os patróns vasculares da retina humana posúen características únicas. Non é ata o 1984 que aparece o primeiro escáner de retina dispoñible para uso comercial. Foi o Eyedentification 7.5, producido por EyeDentify, unha empresa creada no 1976, que aínda hoxe (2006) é o principal fabricante deste tipo de dispositivos.

Mercado actual[editar | editar a fonte]

A compañía EyeDentify posúe a patente mundial para analizadores de vasculatura retinal, polo que é a principal produtora desta tecnoloxía.

Fiabilidade[editar | editar a fonte]

O escaneo da retina é un dos métodos biométricos máis fiables, cunhas das taxas de falsos negativos máis baixas, e unha taxa de falsos positivos practicamente igual a cero.

Segundo un estudo[1] publicado no 2002 por Biometric Technology, a taxa de erro cruzado[2], é menor que 1/10.000.000

Facilidade de uso e aceptación[editar | editar a fonte]

O exame deste órgano pode revelar enfermidades ou características médicas que a moitas persoas lles pode interesar manter en segredo, como o consumo de alcohol ou certas drogas, co cal pode haber xente que recee de ter que usar a súa retina como sistema de identificación.

Prevención de ataques[editar | editar a fonte]

Un sistema de escaneo de retina é moi difícil de falsificar porque non existe ningunha tecnoloxía que permita imitar a retina humana de forma tan precisa como para enganar ó escáner. Ademais, a retina dunha persoa falecida decae demasiado rápido como para ser usada de forma fraudulenta.

Permanencia[editar | editar a fonte]

Tempo de espera[editar | editar a fonte]

Custo[editar | editar a fonte]

Un escáner de retina pode conseguirse a partir duns 200 € (2006)

Universalidade[editar | editar a fonte]

Exemplos de uso[editar | editar a fonte]

Usado tradicionalmente para controlar o acceso físico a lugares con altos niveis de seguridade, tales como centrais nucleares ou instalacións militares, o escaneo de retina está comezando a usarse para salvagardar ordenadores críticos e os seus datos. Podemos atopar lectores de retina en lugares como:

  • Prisións como a de Illinois.
  • Fabricantes de armas como General Dynamics.
  • Organismos como o FBI, a CIA, ou a NASA, utilizan nas súas instalacións sistemas de identificación baseados na lectura da retina.

Notas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Estudo do Bio Tech Inc
  2. A taxa de erro cruzado (Cross-Over Error Rate CER) é a probabilidade de erro dun sistema cando coincide a probabilidade de falsos negativos e falsos positivos