Investigación, Desenvolvemento e Innovación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "I+D+i")

Investigación, Desenvolvemento e Innovación (habitualmente indicado pola expresión I+D+i ou I+D+I) é un concepto de recente aparición, no contexto dos estudos de ciencia, tecnoloxía e sociedade; como superación do anterior concepto de investigación e desenvolvemento (I+D).

Mentres que o de desenvolvemento é un termo proveniente do mundo da economía, os de investigación e innovación proveñen respectivamente do mundo da epistemoloxía e a tecnoloxía, e a súa dinámica relación atópase no contexto da diferenciación entre ciencia pura e ciencia aplicada; calquera deles é de complexa definición. Esko Aho define provocativamente investigación como investir diñeiro para obter coñecemento, mentres que innovación sería investir coñecemento para obter diñeiro, o que expresa moi ben o fenómeno de retroalimentación que se produce cunha estratexia exitosa de I+D+i.[1]

Na aplicación política e lexislativa do concepto I+D+i, defínese investigación como a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico; desenvolvemento como a aplicación dos resultados da investigación ou de calquera outro tipo de coñecemento científico para a fabricación de novos materiais ou produtos ou para o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como para a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas preexistentes; e innovación tecnolóxica como a actividade cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción ou melloras substanciais dos xa existentes. Consideraranse novos aqueles produtos ou procesos cuxas características ou aplicacións, desde o punto de vista tecnolóxico, difiran substancialmente das existentes con anterioridade.[2]

O nivel de actividade de I+D+i nun país pódese calcular mediante a cociente entre o gasto en I+D+i e o produto interior bruto (PIB), desglosando o gasto en gasto público e gasto privado (Deducións fiscais I+D+i).[3]

Todos os países procuran, na medida das súas posibilidades, potenciar as actividades ligadas á I+D+i a través de políticas de apoio (subvencións, deducións, préstamos bonificados e outras), debido a que un alto nivel de I+D+i implica unha maior fortaleza das empresas, dado que os seus produtos ou procesos diferéncianse positivamente dos da súa competencia. Ademais, moitas das actividades son potencialmente xeradoras de avances sociais en forma de calidade de vida, mellora do medio ambiente, a saúde, etc.

Para apoiar esas actividades existe un conxunto de normas UNE: a serie UNE 166000, que inclúe a norma UNE 166001, dirixida aos proxectos de I+D+i, a UNE 166002 sobre requisitos do sistema de xestión da I+D+i e a UNE 166006 relativa a requisitos sobre o sistema de vixilancia tecnolóxica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Citado por Alejandro Jadad e Julio Lorca Innovación non é o mesmo que novidade, en Andalucía Investiga, nº 38, febreiro de 2007, pg. 44. Tamén achegan a súa propia definición: investigar é investir recursos para obter coñecemento, en tanto que innovar é investir coñecemento para obter valor.
  2. Estes conceptos son os reflectidos polo RDL 4/2004 - texto refundido da Lei sobre o Imposto de Sociedades en España -. Tamén é unha interesante referencia o Manual de Frascatti, emitido e utilizado polos países da OCDE.
  3. Javier Cresencio As deducións fiscais por actividades de I+D+i: unha visión práctica(en castelán)